Skip to main content

Un congreso en Santiago abordará o paso dun urbanismo expansivo ao actual de rexeneración da cidade

Fará especial mención á experiencia de Santiago de Compostela e a máis recente de Vigo

En colaboración coa Universidade Autónoma de Barcelona e a Cátedra Prat da Riba, a USC organiza para os días 13 e 14 de decembro un congreso sobre urbanismo e cultura no que se tratarán distintos aspectos dos procesos de rehabilitación, rexeneración e recuperación dos espazos urbanos con especial atención ás experiencias de Compostela e a máis recente de Vigo. Unha das consecuencias da aposta, nas últimas décadas, por políticas urbanísticas “focalizadas na artificialización de solo virxe en detrimento do investimento na cidade consolidada foi –en opinión das directoras do encontro, as profesoras da Autónoma de Barcelona, Judith Gifreu, e da USC, Teresa Carballeira– o deterioro e a obsolescencia dos núcleos urbanos de moitas cidades”. A conxuntura económica obrigou a repensar este modelo e agora as novas políticas oriéntanse cara á renovación urbana, que pretende reinventar a oferta turística e pór énfase na recuperación do patrimonio cultural e histórico. Precisamente deste cambio de cultura urbanística experimentado tras o estalido da burbulla inmobiliaria trata o congreso que se desenvolverá integramente na Sala de Xuntas do Decanato da Facultade de Dereito dirixido aos aplicadores do dereito e aos xestores das políticas urbanísticas. O reclamo turístico intensificou a sinerxía entre cidade e cultura, coa recuperación de edificios emblemáticos destinados a museos ou centros de arte contemporáneo, a creación de novas plantas de espazos culturais (o MACBA de Barcelona ou o CGAC de Santiago) e a programación de eventos de todo tipo que converteron un selecto grupo de cidades españolas nun destino turístico atractivo para quen no estás interesados exclusivamente no tradicional turismo. No congreso ‘Urbanismo e cultura: da cultura urbanística ao urbanismo da cultura’ analizaranse os pros e contras desa planificación urbanística que atende a consideracións culturais co obxecto de mellorar a estética urbana, reivindicar o patrimonio colectivo e recuperar barrios, pero tamén como revulsivo da dinámica económica.

O Congreso, que conta co apoio financeiro da Fundación Ramón Lull, estrutúrase nunha conferencia inaugural a cargo de Santiago González-Varas, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Alacante, e dous paneis dedicados ás actuacións de intervención integral nos espazos urbanos e aos valores culturais e de protección do patrimonio en relación coa xestión das políticas urbanas.

The contents of this page were updated on 12.09.2013.