Skip to main content

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC desenvolverán sesións de observación astronómica dende o Gaiás ao longo do verán

Tamén están previsto diversos obradoiros sobre reloxos de sol, telescopios ou bólidos e meteoritos

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC colaborará coa Consellaría de Cultura na posta en marcha durante os meses de verán dun programa de sesións de observacións astronómicas dende a Cidade da Cultura. Como xa sucedera en 2010 e 2011, a través dos telescopios, e seguindo as explicacións técnicas dos monitores, os participantes poderán observar a Lúa, planetas, estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas.... Ademais, coa axuda dos planisferios se identificarán as distintas constelacións a simple vista. Estas visitas nocturnas, organizadas en colaboración co Observatorio Astronómico da USC, celebraranse nas noites do 6, 13, 20 e 27 de xullo de 23:00 a 01:00. Quen se achegue en agosto deberá reservar para o 11, o 17 ou o 24, no que as observacións terán lugar de 22:30 a 00:30 horas. A última oportunidade será o 7, o 14 e o 21 de setembro no mesmo horario. Obradoiros didácticos Así mesmo, este ano o programa prevé tres obradoiros didácticos como complemento ás observacións nocturnas. Trátase do Obradoiro de reloxos de sol, que terá lugar o venres 6 de xullo ás 17:30 horas, e no que se abordará todo o relacionado co funcionamento destes sinxelos instrumentos, a súa historia e mesmo se ensinarán as diferentes formas de construción e uso. O sábado 11 de agosto, ás 21:00 horas, desenvolverase o Obradoiro de Telescopios, no que os participantes aprenderán a sacarlle partido a eses instrumentos ao tempo que se lles informará dos distintos tipos e prestacións. O último dos tres obradoiros será o 7 de setembro ás 21:00 horas e xirará arredor dos bólidos e meteoritos, estando tamén neste caso presente unha interesante mostra destas pedras cósmicas.

Os tres obradoiros están pensados para todos os públicos, aínda que a idade recomendada é a partir de 10 anos. A duración é dunha hora aproximadamente e a entrada de balde previa reserva en http://www.cidadedacultura.org/cultural/seccion.aspx?Id=375.

The contents of this page were updated on 05.12.2025.