Skip to main content

O director de cine Isaki Lacuesta, Cuncha de Ouro de San Sebastián, clausura o ciclo de cinema catalán da USC

O director de cinema Isaki Lacuesta (Girona, 1975), gañador da Cuncha de Ouro na última edición do Festival de San Sebastián por ‘Os pasos perdidos’, intervirá este venres 16 na clausura do ciclo de cinema catalán que organizan as profesoras Mercè López e Dolor Perarnau en colaboración co Cefilmus. O autor -que asistirá ás 20.00 horas á charla-coloquio do tamén director Santiago Fillol sobre, precisamente, o cinema de Lacuesta-, manterá ás 20.45 horas un coloquio cos asistentes á proxección da súa película Pau Riba. Jo, la donya i el gripau. Estes dous actos terán lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O ciclo Tras o ciclo de documentais cataláns organizado en 2010, a Área de Filoloxía Catalá da Universidade de Santiago de Compostela ofrece este ciclo co obxecto de continuar amosando a máis recente produción cinematográfica catalá e así levar a súa lingua e cultura alén das aulas. As proxeccións son no salón de actos da Facultade de Filosofía, a excepción do venres que será na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Como na anterior edición, o xénero documental volve ser o principal foco de atención, reflectindo a gran relevancia que este ten nas producións da última década, nomeadamente no ámbito catalán. Mais a novidade desta volta vén dada pola inclusión do formato da curtametraxe: Picassent, records d’un temps passat, producida pola USC e dirixida pola profesora da Universidade de Vigo Anna Amorós, coa que se inaugurou o ciclo; e a curta de Lacuesta coa que rematará este venres o ciclo .

Entre as longametraxes, o venres 9 proxectouse o aclamado documental Garbo. El espía de Edmon Roch (Giraldillo de Oro 2009, Gaudí e Goya 2010) e, cunha temática ben diferente, este xoves 15 ás 18.00 horas se proxecta María y yo, de Félix Fernández de Castro, unha adaptación para o cinema da premiada novela gráfica de Miguel Gallardo que narra a convivencia do propio Gallardo, a súa filla María e a síndrome de autismo que ela padece. A continuación, ás 20.00 horas, e fóra xa do xénero documental, o ciclo complétase coa comedia Mil cretins de Ventura Pons, unha nova proposta de lectura cinematográfica dos relatos de Quim Monzó.

The contents of this page were updated on 03.15.2012.