Skip to main content

A comunidade científica española de química biolóxica reúnese por vez primeira a vindeira semana na USC

Na I Reunión Bienal do Grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química participan científicos de renome internacional

A bioloxía celular e a medicina eran ata hai pouco disciplinas moi afastadas da química -dedicada a estudar as moléculas-, unha situación que mudou grazas ao avance dos últimos anos na comprensión dos procesos biolóxicos en termos moleculares. Como consecuencia xurdiu a química biolóxica, unha nova disciplina científica fronteira entre a química e a biomedicina que investiga os procesos biolóxicos desde unha perspectiva molecular i en base á utilización de técnicas e ferramentas químicas. O persoal investigador que traballa nesta área constituíu recentemente o Grupo de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química, cuxos primeiros presidente e tesoreiro son José Luis Mascareñas e Concepción González Bello, profesores da USC e membros do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). Esta rede discutirá a vindeira semana, os días 8 e 9 en Santiago, os últimos avances e as perspectivas futuras da investigación na súa primeira reunión bienal. No conclave intervirán catro científicos de renome internacional. O profesor Shankar Balasubramanian, da Universidade de Cambridge (Reino Unido), foi o coinventor da tecnoloxía de secuenciación do xenoma, comercializada pola multinacional Solexa Illumina, que permite a lectura de alta calidade de mil millóns de bases por varrido case sen errores. Pola súa banda, os profesores alemáns Oliver Seitz da Humboldt de Berlín e Thomas Carell da Ludwig Maximilians de Múnic son líderes mundiais no campo dos ácidos nucleicos e da ciencia das proteínas. Entre as súas investigacións destaca o desenvolvemento de sistemas artificiais que permiten o estudo dos danos producidos no ADN, un proceso responsable do inicio do cancro e outras enfermidades. Por último, o profesor Modesto Orozco, da Universidade de Barcelona, é especialista na simulación por ordenador dos sistemas biolóxicos. A reunión contará ademais coa participación doutros tres conferenciantes convidados e numerosos investigadores que presentarán setenta comunicacións. En total, son máis de 140 as persoas que asistirán a este conclave científico que organizan os docentes do CIQUS José Luis Mascareñas, Concepción González Bello, Miguel Vázquez e Eugenio Vázquez. A cerimonia de apertura terá lugar o xoves 8 ás 15.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía nun acto presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García, e polo presidente da RSEQ, Jesús Jiménez Barbero. Esta reunión está financiada polo anterior Ministerio de Ciencia e Innovación, o Grupo Especializado de Química Biolóxica da RSEQ e a Real Sociedade Española de Química e conta co patrocinio das empresas Galchimia, Lilly, Cienytech, Fisher Scientific e Praxair.

The contents of this page were updated on 03.02.2012.