A Federación Española de Enfermidades Raras premia o labor pioneiro da profesora Buceta en favor dos nenos e nenas con patoloxías pouco frecuentes
A profesora de Psicoloxía e directora da Unidade de Atención Temperá da USC, Mª José Buceta, recibiu este xoves en Madrid o premio a toda unha vida outorgado pola Federación Española de Enfermidades Raras (FEDER) en recoñecemento á súa traxectoria profesional. A entidade valorou o seu labor “pioneiro na Universidade”, impulsando a Unidade de Atención Temperá dirixida a nenos con síndromes minoritarios así como a súa actitude “sempre ao servizo das familias e as organizacións e a súa colaboración na formación e concienciación da problemática do colectivo”, apuntan dende a Federación. Mª José Buceta recibiu este galardón de mans da princesa de Asturias, Letizia Ortiz, nunha cerimonia celebrada en Madrid na que FEDER concedeu os seus premios anuais a persoas, iniciativas e proxectos que apostan por mellorar a vida das familias con enfermidades raras. Profesora titular no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación dende 1988, a profesora Buceta está especializada en investigar sobre os modelos de intervención e valoración en atención temperá, tratando e avaliando casos en persoas con síndromes minoritarios como o de West, de Algelman ou de X-Fragil, entre outros. É, ademais, directora da Unidade de Atención Temperá da USC, entidade que une docencia, investigación e a atención aos usuarios cun equipo multiprofesional que conseguiu converter á Facultade de Psicoloxía na primeira de ámbito nacional en unificar estas tres vertentes.