Skip to main content

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago recolle este martes a certificación OHSAS18001 sobre seguridade e saúde laboral de Aenor

É o primeiro centro docente da USC que o recibe

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) é o primeiro centro docente da Universidade compostelá recoñecido coa certificación OHSAS18001 sobre seguridade e saúde laboral de Aenor. O reitor Juan Casares presidirá este martes 19 o acto de entrega da certificación nunha sesión que comezará ás 12.30 horas no propio centro. Nela intervirán ademais a vicerreitora de Responsabilidad Social e Calidade, Benita Silva; o director da ETSE, Juan Lema, o director comercial de Aenor, José Rodríguez Coello; e o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo. O modelo da especificación OHSAS ‘Occupational Health and Safety Management Systems’ foi deseñada por un grupo internacional de entidades de certificación e de normalización co obxecto de que as empresas dispuxesen dun método recoñecido para que os seus sistemas de xestión puidesen ser avaliados e certificados. Trátase dunha especificación que require de políticas e procedementos moi estritos, ademais de ter un alto grao de compatibilidade coas ISO 9001 de Calidade e ISO 14001 de Medio Ambiente, que xa ten certificadas a propia USC.

The contents of this page were updated on 06.18.2012.