Skip to main content

O II Encontro Luso-Español de Profesores de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais comeza este venres na USC

A Facultade de Dereito será este venres 15 e o sábado 16 punto de referencia para profesores de Dereito Internacional Pública e Relacións Internacionais coa celebración do II Encontro Luso-Español de docentes neste ámbito. Esta segunda edición diríxese á ‘Gobernaza dos mares e océanos. Novas realidades, novos desafíos’ e está organizada pola USC e a Universidade de Minho. O reitor Juan Casares inaugurará estas xornadas nun acto este mesmo venres a partir das 9.00 horas e no que tamén intervirán o decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho, os directores dos encontros, os profesores Jorge Pueyo Losa e Wladimir Brito, e o secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural e do Mar, Francisco Vidal-Pardo. Deseguido, a partir das 9.45 horas, o profesor da Universidade Técnica de Lisboa e presidente da Sociedade Portuguesa de Dereito Internacional, Manuel Almeida, pronunciará a conferencia inaugural titulada ‘A convención de Montego Bay: 30 anos despois’. A preservación do medio mariño e a administración dos recursos é o tema que agrupará as intervencións da primeira sesión dos encontros, argumento que presentará o catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Valencia, José Juste Ruiz, ao que seguirá a presentación de comunicacións sobre este tema e o posterior debate. A segunda sesión, de 16.30 a 19.30 horas, versará sobre a seguridade internacional, a seguridade humana e a regulación dos océanos, e presentaraa o profesor da Universidade de Coimbra José Manuel Pureza. A presentación de comunicacións e o debate posterior pecharán a primeira sesión.

The contents of this page were updated on 06.14.2012.