Skip to main content

A ETSE convértese no primeiro centro docente e investigador da USC que obtén a certificación OHSAS18001

De esquerda a dereita, Benita Silva, Juan Lema, Juan Casares, José Rodríguez e Gumersindo Feijoo. Foto Alfonso (Servimav-USC)
De esquerda a dereita, Benita Silva, Juan Lema, Juan Casares, José Rodríguez e Gumersindo Feijoo. Foto Alfonso (Servimav-USC)

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) é o primeiro centro docente e investigador da USC que obtén a certificación OHSAS18001 sobre seguridade e saúde laboral de Aenor. Este centro compostelán recibiu a certificación nun acto celebrado este martes 19 na propia Escola baixo a presidencia do reitor Juan Casares e coa participación ademais da vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; do director da ETSE, Juan Lema; do director comercial de Aenor, José Rodríguez Coello; e do director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo. Esta certificación “ratifica que estamos cambiando a nosa mentalidade respecto da seguridade laboral” subliñou Juan Lema, para quen a OHSAS18001 é un “froito moi positivo” que ratifica á ETSE como un centro activo e dinámico. Ademais, o selo entregado este martes á ETSE “pon en valor a confianza sobre o que se fai” indicou José Rodríguez Coello e a través do que a USC dá un novo chanzo no exercicio da súa responsabilidade. Concluíndo a sesión, o reitor Juan Casares salientou a importancia de que un grupo pequeno de universitarios teña a capacidade de modificar o comportamento de toda unha institución como a Universidade compostelá e asegurou, neste senso, que “ a ETSE marca unha vez máis o rumbo na USC”. A certificación A Escola Técnica Superior de Enxeñaría ­–no ámbito docente– e, especificamente, o Departamento de Enxeñaría Química –no apartado relativo a laboratorios de investigación– fixeron no último ano e medio unha serie de accións encamiñadas a obter a certificación OHSAS 18001 que avala os procedementos de seguridade e saúde laboral. O modelo da especificación OHSAS ‘Occupational Health and Safety Assessment Systems’ foi deseñada por un grupo internacional de entidades de certificación e de normalización co obxecto de que as empresas dispuxesen dun método recoñecido para que os seus sistemas de xestión puidesen ser avaliados e certificados. Trátase dunha especificación que require de políticas e procedementos moi estritos, ademais de ter un alto grao de compatibilidade coas ISO 9001 de Calidade e ISO 14001 de Medio Ambiente, que xa ten certificadas a propia USC. No relativo ao campo investigador e particularmente aos laboratorios do centro, a Escola traballou no establecemento dun procedemento documentado para a información dos alumnos, con referencia á avaliación de riscos do laboratorio e á autoprotección, ademais de establecer normas e fichas de seguridade ou a inclusión de contidos de seguridade nas prácticas, entre outras medidas. No ámbito específico de seguridade e saúde no traballo, logo da presentación e integración dun plan de acción específico no Plan de Calidade da ETSE, a Escola organizou un curso de formación dos responsables de seguridade dos laboratorios de investigación, continuando co inventario xeral de substancias e equipos, a elaboración de fichas de seguridade en cada laboratorio e unha acción formativa en emerxencias de todo o centro dirixida ao conxunto de colectivos universitarios. Ademais da actualización da avaliación de riscos, aprobouse un Plan de Autoprotección e o documento correspondente ao Sistema de Xestión de Seguridade da ETSE e constituíronse equipos de emerxencias, ademais de realizarse un simulacro de evacuación, entre outras iniciativas. USC, pioneira universitaria A compostelá foi a primeira universidade española que conseguiu esta certificación, cando en 2008 a recibiu para un total de oito centros universitarios. Concretamente, as certificacións foron para o Instituto de Cerámica de Galicia, a Escola Infantil Breogán e as residencias e colexios maiores que forman o Servizo Universitario de Residencias (SUR), os Colexios Maiores Rodríguez Cadarso, San Clemente e Fonseca, e as Residencias Burgo das Nacións, Monte da Condesa e Xesús Bal e Gay. O alumnado da materia Laboratorio de Operacións Básicas utilizando vestimenta adecuada ás normas de seguridade Entre as actividades formativas desenvolvidas, incluíronse cursos de primeiros auxilios

The contents of this page were updated on 06.19.2012.