Skip to main content

A Fundación USC Deportiva e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller desenvolverán diversas actividades no Gaiás

A Fundación USC Deportiva e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller desenvolverán diversas actividades no Gaiás

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC e a Fundación USC Deportiva colaborarán coa Consellaría de Cultura na posta en marcha durante os meses de verán dun programa de visitas á Cidade da Cultura en bicicleta e por medio de roteiros, así como dunha serie de sesións de observacións astronómicas. Este conxunto de iniciativas desenvolveranse baixo o lema ‘Máis que unha visita. Apúntaste?’ O programa, que se desenvolverá entre xuño e setembro, arrancará o vindeiro día 26 coa primeira das rutas en bicicleta. Ofreceranse dous percorridos adaptados aos diferentes públicos e que lles descubrirán aos habitantes de Compostela novos recunchos da cidade e aos estranxeiros unha outra forma e coñecela. Todas as rutas sairán dende o estadio de San Lázaro ás 17.30 horas e, tras un percorrido explicativo pola cidade, desembocarán no Gaiás onde os participantes asistirán a unha visita guiada polo complexo para logo proceder ao descenso. ‘Rodando ao Gaiás’ ofrece unha ruta máis técnica na que os participantes rodarán durante uns 12 quilómetros ata chegar á Cidade da Cultura. Esta alternativa terá lugar os martes 12 de xuño, 10 de xullo, 14 de agosto e 4 de setembro. Cun percorrido máis sinxelo e apto para todas as persoas interesadas, os martes 26 de xuño, 31 de xullo, 21 de agosto e 18 de setembro organizaranse rutas familiares cun percorrido duns 9,5 quilómetros (ida e volta). Todos os grupos terán un máximo de 20 prazas. A actividade é de balde previa inscrición online. Camiño ao Gaiás Os mércores de xullo, agosto e setembro será a quenda dos roteiros. Da man da Fundación USC Deportiva, ‘Camiño ao Gaiás’ pretende ofrecerlles aos visitantes novas rutas para chegar a pé á Cidade da Cultura. Acompañados por monitores da Fundación USC Deportiva, os participantes concentraranse no centro histórico de Santiago –a saída terá lugar na Praza de San Roque- e subirán uns seis quilómetros a pé ata o Gaiás por sendas nas que recibirán explicacións tanto das xoias arquitectónicas e patrimoniais como naturais que vaian atopando. Unha vez arriba, serán recibidos por un dos guías da Fundación Cidade da Cultura, completando o seu percorrido cunha visita guiada ao exterior e interior do complexo. A actividade desenvolverase todos os mércores dende o 4 de xullo ata o 26 de setembro e a ruta arrancará ás 17:30 horas. Cada grupo estará formado por un máximo de 25 persoas e a entrada é de balde previa inscrición. Ao igual que as rutas en bici, os menores poderán participar sempre e cando vaian acompañados dun adulto. Á luz das estrelas Como xa sucedera en 2010 e 2011, o Gaiás acollerá unha serie de sesións de observación astronómica. A través dos telescopios, e seguindo as explicacións técnicas dos monitores, os participantes poderán observar a Lúa, planetas, estrelas dobres, cúmulos estelares, nebulosas.... Ademais, coa axuda dos planisferios se identificarán as distintas constelacións a simple vista. Estas visitas nocturnas, organizadas en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, celebraranse nas noites do 6, 13, 20 e 27 de xullo de 23:00 a 01:00. Quen se achegue en agosto deberá reservar para o 11, o 17 ou o 24, no que as observacións terán lugar de 22:30 a 00:30 horas. A última oportunidade será o 7, o 14 e o 21 de setembro no mesmo horario. Obradoiros didácticos Así mesmo, este ano o programa prevé tres obradoiros didácticos como complemento ás observacións nocturnas. Trátase do Obradoiro de reloxos de sol, que terá lugar o venres 6 de xullo ás 17:30 horas, e no que se abordará todo o relacionado co funcionamento destes sinxelos instrumentos, a súa historia e mesmo se ensinarán as diferentes formas de construción e uso. O sábado 11 de agosto, ás 21:00 horas, desenvolverase o Obradoiro de Telescopios, no que os participantes aprenderán a sacarlle partido a eses instrumentos ao tempo que se lles informará dos distintos tipos e prestacións. O último dos tres obradoiros será o 7 de setembro ás 21:00 horas e xirará arredor dos bólidos e meteoritos, estando tamén neste caso presente unha interesante mostra destas pedras cósmicas. Os tres obradoiros están pensados para todos os públicos, aínda que a idade recomendada é a partir de 10 anos. A duración é dunha hora aproximadamente e a entrada de balde previa reserva en www.cidadedacultura.org.

The contents of this page were updated on 05.12.2025.