Skip to main content

A Facultade de Medicina abre as súas portas á estrea da curtametraxe ‘Recoprem 10 mg’

Cartel da curtametraxe que este xoves se presenta en Medicina ás 20.30 horas
Cartel da curtametraxe que este xoves se presenta en Medicina ás 20.30 horas

‘Recoprem 10 mg’ é a denominación dun fármaco ficticio, pero tamén o cartel “dunha historia de ciencia ficción onde non todo é o que parece”. Deste xeito define o alumno de Psicoloxía da USC Fernando Sánchez a súa última curtametraxe, cuxa presentación pública se vai celebrar este xoves 12 no Salón de Actos Novoa Santos da Facultade de Medicina e Odontoloxía a partir das 20.30 horas. Rodada en Santiago e Torrelavega (Cantabria), a produción contou coa colaboración das facultades de Medicina e Odontoloxía –un dos seus laboratorios foi o escenario dunha importante secuencia da curta- e de Ciencias da Comunicación. Ademais do director, esta cinta conta coa participación de alumnado e ex alumnos da universidade compostelá como Enrique Lojo (actor protagonista, ex alumno de Comunicación Audiovisual), Ramiro Peralta (produción executiva, alumno de Psicoloxía), Andrea Carleos (asistente técnica, ex alumna de Comunicación Audiovisual), Daniel Suárez (axudante de dirección e operador de cámara, alumno de Comunicación Audiovisual), Katia Rolán (actriz secundaria e son, ex alumna de Psicoloxía e Criminología), Héctor González (auxiliar, ex alumno de Psicoloxía) y Aitor González (Auxiliar, alumno de Psicoloxía). O arranque da historia sitúase nun hipotético futuro, no ano 2015, tempo no que Fran trata de superar a ruptura da súa relación sentimental con Lucia. Este é o motivo que o leva a someterse a un tratamento experimental cun novo fármaco, Recoprem 10mg, que provocará que lembre con máis forza a Lucia de xeito que se enfronte ao recordo e o supere en menos tempo. Non obstante, neste proceso aparece unha nova persoa, Paula.

The contents of this page were updated on 04.11.2012.