Skip to main content

O branqueo de diñeiro, a debate nun congreso en Santiago

O III Congreso ‘Prevención e represión do branqueo de diñeiro: As reformas de 2010 e a xustificación do seu castigo na sociedade da información avanzada’ desenvolverase entre o 18 e o 20 de xullo...

Os e as máis importantes especialistas de España sobre branqueo de diñeiro analizarán en Santiago as últimas reformas nesta materia e formularán propostas de mellora lexislativa “nun momento de grave crise económica no que os fluxos de capitais delitivos ameazan con destruír as bases da nosa sociedade”, asegura o seu coordinador, o profesor da Facultade de Dereito da USC Miguel Abel. Organizado polo grupo de investigación da Área de Dereito Penal da USC, o Consello Xeral da Avogacía Española, Garrigues, Cuatrecasas, Gonçalves Pereira e o Colexio de Avogados de Santiago, o encontro desenvolverase do 18 ao 20 de xullo neste último organismo. O congreso, que esta previsto que inaugure o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, analizará de maneira detallada as novas obrigas para os operadores xurídicos na Lei de prevención do branqueo de 2010; as campañas mediáticas do branqueo e o seu tratamento nos medios de comunicación; os efectos socioeconómicos; o branqueo imprudente e a responsabilidade penal das persoas xurídicas por incumprimento do deber de vixilancia e dos profesionais de auditorías, asesorías fiscais, promotoras e inmobiliarias. Outras cuestións a tratar están relacionadas co uso das telecomunicacións para o branqueo, o financiamento do terrorismo, aspectos procesais da persecución penal ou o novo tipo agravado do branqueo cando os bens teñan a súa orixe en delitos de corrupción ou urbanísticos. Entre o claustro de participantes figuran catedráticos e catedráticas de Dereito de numerosas universidades españolas ademais do maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela; o presidente da Comisión de Prevención de Branqueo de Capitais do Consello Xeral da Avogacía Española, Nielson Sánchez; o maxistrado en excedencia e membro da mesma comisión, Santiago Milans del Bosch; ou o fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier-Alberto Zaragoza.

The contents of this page were updated on 07.12.2012.