Skip to main content

Unha tese da USC avalía os produtos alimentarios relacionados coa pesca extractiva galega

Ian Vázquez Rowe defendendo a súa tese de doutoramento na ETSE
Ian Vázquez Rowe defendendo a súa tese de doutoramento na ETSE
Propón ademais un software de cálculo da pegada de carbono para sistemas pesqueiros

A aplicación da análise de ciclo de vida (ACV) en sistemas de produtos alimentarios relacionados coa pesca extractiva de Galicia foi o eixo da tese de doutoramento de Ian Vázque Rowe, dirixida polos profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química da USC. A ampla selección de flotas pesqueiras e especies mariñas (sardiña, xurelo, pescada, polbo…) inventariadas e analizadas polo investigador permitiu presentar un gran volume de resultados para entender o perfil ambiental dos produtos. Cos datos de campo recollidos nos portos galegos, puidéronse analizar nalgúns casos tamén as cadeas de distribución ata o consumidor. A tese ‘Fishing for solutions: Environmental and operational assessment of selected Galician fisheries and their products’ propón un protocolo específico para o uso da ACV en combinación cunha metodoloxía de xestión denominada Análise por Envoltura de Datos (DEA), baseado en modelos de programación lineal, para estudar a eficiencia relativa dunha serie de unidades de decisión. O uso conxunto das metodoloxías persegue incluír a verificación da ecoeficiencia e a obtención de puntos de referencia operacionais de forma integrada coa avaliación ambiental de embarcacións pesqueiras. Pegada de carbono O traballo dedica tamén especial importancia á cuantificación de descartes mariños no sector pesqueiro galego, algo posible grazas á mostra conseguida para as diferentes flotas, e suxírese unha categoría de impacto para ACV específica para eles. Cunha perspectiva semellante á dos descartes calculouse a pegada de carbono do sector pesqueiro de Galicia. Neste sentido, a tese adxunta un CD cun software de cálculo da pegada de carbono para sistemas pesqueiros (rexistrado no Ministerio de Industria) que permite a empresas, institucións e consumidores o cálculo da pegada de carbono das pescarías. Artigos publicados Da tese deriváronse doce artigos nas revistas científicas indexadas no Scientific Citation Index Marince Policy, Fisheries Research, Trends in Food Science and Technology, The International Journal of Life Cycle Assesment, Science of the Total Environment e Journal of Industrial Ecology. O recente doutor fixo estadías de investigación na School for Resource and Environmental Studies da Dalhousie University (Halifax, Canadá) e no Centre Recherche Public Henri Tudor de Luxemburgo. Estes méritos, xunto coa presentación e defensa da tese en inglés, lle permitiu atinxir a mención de doutorado europeo. Actualmente está contratado polo Instituto de Investigación de Luxemburgo. O tribunal que avaliou a tese estivo presidido polo catedrático da Universidade Rovira i Virgili Francesc Castells i Piqué e composto ademais polo profesor da Autónoma de Barcelona Joan Rieradevall Pons, a investigadora do Instituto Oceanográfico Español María Paz Sampedro Pastor e o profesor da Universidade Nice-Sophia Antipolis Oliver Thomas. Como secretaria actuou María Nieves Sanjuán Pellicer, profesora da Politécnica de Valencia.

The contents of this page were updated on 07.23.2012.