Skip to main content

Rematou a XXV edición dos cursos de verán de ‘Lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia’

No curso de lingua e cultura galega participaron 86 estudantes procedentes de 22 estados diferentes de Europa, América e Asia. Foto: Alfonso (Servimav-USC)
No curso de lingua e cultura galega participaron 86 estudantes procedentes de 22 estados diferentes de Europa, América e Asia. Foto: Alfonso (Servimav-USC)
Tamén este venres pecha a súa programación os cursos de lingua e cultura da USC correspondentes ao mes de xullo

O Campus de Compostela foi ao longo deste mes de xullo unha pequena torre de Babel na que preto de duascentas persoas de diversos lugares do planeta se reuniron arredor dos cursos de verán de ‘Lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia’ e nos de lingua e cultura española da USC. No primeiro caso, a vixésima quinta edición dos cursos lingua e cultura galegas rematou a súa programación nun acto de clausura no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Esta é unha iniciativa organizada polo Instituto da Lingua Galega da USC, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O reitor Juan Casares presidiu o peche nun acto ao que tamén asistiron o tesoureiro da Real Academia Galega, Manuel González González; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos Cursos de verán, Francisco Fernández Rei. En representación do alumnado, interveu a estudante do nivel superior Marina Snetkova. Os cursos comezaron o pasado 2 de xullo e rematan este mesmo venres. Nesta XXV edición participaron 86 estudantes procedentes de 22 estados diferentes de Europa, América e Asia, como son Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, España, Estados Unidos de América, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Kazakhstan, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Rusia, Serbia, Ucraína e Xapón. Dende a primeira edición ata a do presente ano acudiron a Compostela a través destes cursos de lingua e cultura galegas aproximadamente 2.400 estudantes de moi diversos países de todo o mundo. Lingua e cultura española Este mesmo venres tamén botan o peche os cursos internacionais de verán de lingua e cultura española da USC. A clausura celébrase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 19.00 horas nunha sesión que contará coa presenza do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; da segunda tenente de alcalde, Amelia González; e da xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud. Tamén participan, en representación de ACOTES, José Antonio López Gómez que fará entrega do premio do concurso fotográfico Compostelando, e a coordinadora académica de Cursos Internacionais da USC, Mili Muíña. Está prevista a asistencia de aproximadamente 120 estudantes que regresan aos seus fogares tras unha estadía media de catro semanas en Compostela. Outros 130 estudantes –a meirande parte deles pertencentes á Open University do Reino Unido– continuarán os seus programas en Santiago durante o vindeiro mes de agosto. A estes últimos sumaranse novos grupos, que chegarán ao longo dos meses de agosto e setembro. Os alumnos que elixiron a oferta de cursos de español da USC en xullo proceden principalmente de Europa, EEUU, Brasil e Xapón, crecendo o número de estudantes de novos países emerxentes como Corea, China, Rusia ou Arabia Saudita, entre outros. Compostelando

No acto de clausura que se celebra pola tarde no Colexio de Fonseca entregaranse os premios do concurso fotográfico ‘Compostelando’ que premiará aquelas instantáneas realizadas polos estudantes estranxeiros tratando de captar a imaxe que mellor plasme a súa idea de Santiago e da súa estadía. O premio son dous cheques-agasallo por valor de 300 euros para consumir no comercio compostelán, e en concreto nos establecementos pertencentes a ACOTES. O responsable de entregar estes premios será José Antonio López Gómez.

De esquerda a dereita, Rosario Álvarez, Valentín García, Juan Casares, Manuel González e Francisco Fernández. Foto: Alfonso (Servimav-USC)

The contents of this page were updated on 07.27.2012.