Skip to main content

As universidades de Santiago e Burgos e a Obra Social ‘la Caixa’ buscan novos camiños para combater o cancro

De esquerda a dereita, Jaime Lanaspa, Alfonso Murillo e Juan Casares. Foto: Gabinete de Prensa da Universidad de Burgos
De esquerda a dereita, Jaime Lanaspa, Alfonso Murillo e Juan Casares. Foto: Gabinete de Prensa da Universidad de Burgos
Asinaron un convenio para desenvolver un proxecto que pretende contribuír ao coñecemento dos modos en que determinadas sustancias sintéticas contendo metais, actúan e dos seus mecanismos de acción...

As universidades de Santiago e Burgos xunto coa Obra Social ‘la Caixa’ van realizar dende o vindeiro 1 de xaneiro de 2013 e ata o 31 de decembro de 2016 unha investigación sobre a interacción de ADN con complexos de Rutenio e clústeres cuánticos atómicos de metais nobres, para estudar a súa potencialidade como tratamento do cancro. O reitor Juan Casares e o seu homólogo na Universidade de Burgos, Alfonso Murillo, xunto ao director executivo de Obra Social ‘la Caixa’, Jaime Lanaspa, asinaron un convenio e presentaron as particularidades do proxecto este mércores 21 en Burgos. Mentres que as institucións universitarias achegarán todos os recursos humanos, materiais e técnicos necesarios para o desenvolvemento da investigación, Obra Social financiará os traballos con 1,1 millóns de euros. O proxecto, coa denominación ‘Interacción de ADN con complexos organometálicos de Ru(II) e Clústeres Cuánticos Atómicos (AQC’s)’, ten como finalidade contribuír ao coñecemento dos modos en que determinadas sustancias sintéticas, contendo metais, actúan fronte moléculas biolóxicas e dos seus mecanismos de acción farmacolóxica. Por parte da USC, participarán nos traballos de investigación os profesores Arturo López Quintela, catedrático de Química Física, e Fernando Domínguez, catedrático de Fisioloxía. AQC’s O equipo compostelán centrarase nos AQC’s. Os traballos previos desenvolvidos polos investigadores da USC neste eido mostra que se trata dunha familia de compostos completamente nova cun alto potencial de uso como axentes quimioterapéutico para inhibir a proliferación de células canceríxenas. Neste senso, os investigadores xa teñen observado que estes clústeres constituídos por un número pequeno, inferior a 10-15, de átomos de elementos metálicos (como prata ou ouro) con xeometría planar ou cuasi planar presentan, entre outras, actividade inhibidora das toposiomerasas I e II por intercalación parcial no ADN, tendo como resultado a eventual morte celular por apoptose. Tamén teñen comprobado que os AQC’s son moi activos en combinación terapéutica con Camptotecina e outros fármacos antitumorais de uso clínico. Os clústeres estudados ata o momento teñen propiedades físico-químicas que os converten en especialmente atractivos para alcanzar con maior éxito a súa diana. Como explican os investigadores, debido á súa natureza compórtanse como moléculas, non como metais e non presentan carga. Deste xeito, o seu baixo peso molecular e ausencia de carga redundan en beneficio dunha maior durabilidade en tecidos biolóxicos Co novo proxecto asinado este mércores, o grupo da USC proponse realizar un estudo sistemáticos, analizando non só a influencia do tamaño dos clústeres senón tamén a influencia das substancias a utilizar (ouro, prata ou platino) nas actividades antitumorais dos AQC’s, “pois resulta previsible que, variando ambos parámetros, poida sintonizarse adecuadamente a súa actividade e optimizar deste xeito os seus efectos terapéuticos”, apuntan dende o equipo compostelán. A aplicación destes materiais como novidosos sistemas que poden interaccionar con medios biolóxicos proporcionando novas vías para o desenvolvemento de novos fármacos “apenas ten comezado”, explicaron na presentación do proxecto. Ademais da súa dimensión aplicada, este proxecto pretende favorecer a ampliación da formación de estudantes que desenvolverían a súa tese de doutoramento, contratar doutores/as expertos/as na materia e favorecer o intercambio intelectual e investigador con docentes e investigadores/as de todo o mundo mediante estadías.

The contents of this page were updated on 11.21.2012.