A Asemblea Xeral Ordinaria da Federación Española de Asociacións de Estudantes de Medicina de España para a Cooperación preséntase este mércores en Santiago
A Federación Española de Asociacións de Estudantes de Medicina de España para a Cooperación Internacional (IFMA-Spain) celebrará entre os días 23 e 28 próximos a súa LIII Asemblea Xeral Ordinaria en Santiago de Compostelá. O programa do evento presentarano aos medios de comunicación o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Gestal, a quen acompañarán a presidenta de ME.I.GA (Medicina Intercambios Galicia), Miriam Blanco Longa, e o coordinador de Formación de IFMSA-Spain e membro de ME.I.GA, Andrés Marín Arteaga. A presentación desenvolverase a partir das 11.00 horas na Sala de Profesores da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Fundada en Copenhague en 1951, IFMSA -International Federation of Medical Students Associations- é unha das maiores organizacións de estudantes do mundo, agrupando na actualidade a máis de 1.200 facultades de Medicina en máis de 100 países, o que a converte na maior organización de estudantes de Medicina. Xa no ámbito local, a Asemblea Xeral, que se reúne de xeito anual, é o órgano supremo de decisión deste colectivo en España. A súa misión é renovar os cargos electos da Xunta Directiva Nacional, aprobar orzamentos e elaborar o plan de acción para o ano seguinte.