Skip to main content

A USC organiza o terceiro workshop da Sociedade Hispanoamericana de Análise Input-Output

Michael L. Lahr inaugurou este martes o encontro. Foto: Alfonso-Servimav
Michael L. Lahr inaugurou este martes o encontro. Foto: Alfonso-Servimav
Participa o reputado profesor Michael L. Lahr, da Rutgers University

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e a Sociedade Hispanoamericana de Análise Input-Output (SHAIO) desenvolven este martes en Compostela o terceiro Workshop SHAIO, unha actividade de entrada libre orientada para os investigadores en Economía e disciplinas afíns A SHAIO é a sociedade científica que agrupa ao persoal investigador español e hispoanoamericano que traballa co marco analítico de técnicas Input-Output desenvolvidas polo premio Nobel en Economía W. Leontief. O seu workshop permanente, de caracter bianual, é o evento máis relevante que se organiza neste campo no espazo hispanofalante en 2012. Foi Michael L. Lahr, director asociado do Center for Urban Policy Research Economic Advisory Service da Rutgers University (New Jersey, EEUU), quen inaugurou no Salón de Graos da Facultade de Relacións Laborais esta reunión de investigadores, na que, entre outros asuntos, se fala do custe que tería o Protocolo de Kyoto para os consumidores, do impacto do gasto en envases de reciclaxe en Portugal ou das políticas económicas para contrarrestar o déficit público en España. O programa desta edición inclúe once traballos máis dúas conferencias invitadas, a de Michael L. Lahr e a do investigador da USC X.L. Quiñoa. Ademais da USC, participarán no encontro especialistas das Universidades de Barcelona, Málaga, Sevilla, Pablo de Olavide, Oviedo, As Palmas, Burgos, Coimbra, Técnica de Lisboa e Rutgers. Entre outros, o programa inclúe a presentación en primicia do traballo polo que Umed Temurshoev (do IPTS de Sevilla) recibiu o prestixioso Memorial Leontief Prize ao mellor estudo no campo do Input-Output realizado por un investigador novo, outorgado na International Input-Output Association (IIOA) Conference 2012.

The contents of this page were updated on 10.08.2012.