Skip to main content

Relacións Laborais mostrará ao seu alumnado o funcionamento da empresa Acciona Instalaciones

Estudantes de grao e máster, profesorado, mandos intermedios, persoal de recursos humanos e toda persoa interesada nos recursos humanos son os destinatarios dunhas xornadas este martes 16 sobre as relacións laborais na empresa privada que analizarán o caso da empresa Acciona Instalaciones, organizadas pola Facultade de Relacións Laborais de Santiago. A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, presidirá a inauguración da sesión. A misión desta acción formativa é mostrar ao alumnado do centro a organización interna, problemas habituais e funcionamento dunha empresa privada e particularmente do seu departamento de recursos humanos. Ademais, no desenvolvemento do programa, as persoas que se inscriban poderán coñecer as particularidades da organización e funcionamento da asesoría xurídica e da área de prevención de riscos laborais de Acciona Instalaciones. Como relatores intervirán os responsables de Recursos Humanos e da Asesoría Xurídica de Acciona, así como o de Prevención de Riscos Laborais e un técnico do Servizo de Protección Persoal. En total cubrirán unha xornada de tres horas de carga docente na que mostrarán de primeira man a realidade que se atoparán os futuros profesionais no mercado laboral. Programa

O relatorio ‘Os Recursos Humanos en Acciona Instalaciones’ será a intervención que abrirá a xornada, impartida polo responsable deste departamento Vicente Bustos Toldos. Irene Lauzurica tomará o relevo explicando as particularidade do departamento Xurídico. Finalmente, o tema a tratar será a integración da prevención de riscos laborais en todos os ámbitos da empresa, da man de Florencio Málaga Martín e Joaquín Iglesias Cadavieco.

The contents of this page were updated on 10.15.2012.