Skip to main content

Unhas xornadas reflexionan sobre as cuestións que definen a actualidade do Dereito Procesual e do Penal

Ao acto inaugural asiste o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, que pronunciará a conferencia inaugural

O reitor Juan Casares, acompañado do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, presidirá o vindeiro luns 14 a sesión inaugural das I Xornadas Compostelás de Temas Actuais de Dereito Procesual e Dereito Penal. Será a partir das 11:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Dereito, coas intervencións ademais do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez Macho; e das coordinadoras do curso, Araceli Manjón, da Universidade Complutense de Madrid, e Raquel Castillejo, da USC. “Convencidos de que o Dereito Penal e o Procesual Penal son disciplinas siamesas”, sinalan as coordinadoras, estas primeiras xornadas nacen con vocación de continuidade encamiñadas, tanto na presente convocatoria como en futuras, a analizar as moi importantes reformas que o Código Penal e a Lei de Enxuizamento Criminal ten experimentado ou están a punto de sufrir. O programa deseñado tamén atenderá os temas máis polémicos que a praxe destas disciplina presenta cada día, como por exemplo a regulación penal do tráfico de drogas ou o novo título de imputación en materia de responsabilidade penal das persoas xurídicas. O programa do encontro, aberto a estudantes de todas as titulacións, arrancará coa conferencia inaugural do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas a quenda de intervencións continuará cunha mesa redonda sobre ‘A reforma do dereito penal sexual e a proba de ADN’ que moderará o fiscal xefe de Galicia, Carlos Varela, e no que interveñen o catedrático da Universidade Carlos III de Madrid Francisco Javier Álvarez, e a catedrática da USC Raquel Castillejo. Deseguidio, a portavoz do CGPJ Gabriela Bravo e a profesora da USC Lourdes Noya interveñen na mesa redonda ‘O tratamento da delincuencia en mozos infractores’, moderadas pola vocal do Consejo General do Poder Judicial Margarita Uria. A partir das 18:30 horas os aspectos penais e procesuais vinculados á dopaxe no deporte centrará as intervencións da catedrática da Universidade de Cantabria Paz de la Cuesta e do profesor da USC Bernardino Varela. Para rematar a sesión inaugural trataranse os ciberdelitos, as investigacións proactivas e as medidas especiais de investigación en relación coa delincuencia organizada. Na xornada do sábado 15, as intervencións abordarán cuestións relacionadas coa privación de liberdade, corrupción e crime organizado en México, responsabilidade penal das persoas xurídicas ou o fracaso da política represiva en drogas e a loita contra o crime organizado.

The contents of this page were updated on 03.11.2011.