Skip to main content

A investigadora da USC María Francisco Casal gaña o premio da Federación Europea de Enxeñaría Química á mellor tese en Termodinámica e Propiedades de Transporte

María Francisco presentou a tese na USC o pasado ano
María Francisco presentou a tese na USC o pasado ano

A Federación Europea de Enxeñaría Química (EFCE) outorgou o premio á mellor tese de doutoramento en Termodinámica e Propiedades do Transporte ao traballo realizado por María Francisco Casal, do Grupo de Investigación de Procesos de Separación: Equilibrio entre fases (GI-1616) da USC. Francisco, que na actualidade atópase nunha estancia de investigación na Universidade de California (Berkeley), recibirá o premio o vindeiro mes de xuño durante a celebración do ‘25th European Symposium on Applied Thermoynamics’. A tese premiada, que leva por título ‘Desulfurization of fuel oils by solvent extraction with ionic liquids’, estuda a viabilidade de levar a cabo a desulfuración e desnitroxenación de combustibles (gasolina e gasoil) mediante extracción, empregando líquidos iónicos como disolventes. O estudo xurde da necesidade de buscar tecnoloxías alternativas á hidrosulfuración nas refinerías, que permitan acadar os baixos niveis de xofre en combustibles esixidos polas novas especificacións establecidas pola Unión Europea. Como unha máis das aplicacións de interese práctico, na tese premiada estudouse a viabilidade de levar a cabo un proceso de desulfuración mediante extracción empregando líquidos iónicos como disolventes. O estudo confirmou a súa capacidade desulfuradora e de extracción de compostos nitroxenados, tanto dende o punto de vista teórico, mediante o estudo de datos termodinámicos, como dende unha vertente máis práctica levando a cabo experimentos con combustibles reais procedentes de correntes de refinería previos á hidrosulfuración. EFCE Desde 1953, a Federación Europea de Enxeñaría Química (EFCE) promove a colaboración científica e apoio á labor de científicos de trinta países europeos. Na actualidade, representa a más de 100.000 enxeñeiros químicos en Europa.

The contents of this page were updated on 03.11.2011.