Skip to main content

Un grupo de investigadores da USC estuda diferentes aplicacións dos residuos da castaña

O equipo de investigación está coordinado pola profesora Julia González Álvarez -segunda pola esquerda-
O equipo de investigación está coordinado pola profesora Julia González Álvarez -segunda pola esquerda-
O equipo está a analizar o emprego da casca e do ourizo como adhesivo, antioxidante e absorbente de contaminantes

O Grupo de Aproveitamento de Materiais Lignocelulósicos da Universidade de Santiago, do Departamento de Enxeñaría Química, está a estudar diferentes aplicacións dos residuos da castaña. Concretamente, está a analizar o emprego da casca, aínda que tamén investigarán as potencialidades do ourizo. A coordinadora do grupo e do proxecto é a profesora Julia González Álvarez, quen explica que tratan de valorizar os residuos que xera industria alimentaria dedicada á elaboración de produtos como o marrón glacé ou o puré de castaña, para o que contan coa colaboración dunha empresa dedicada á fabricación destes alimentos. Os residuos da castaña teñen na súa composición compostos fenólicos, polo que o equipo da Universidade de Santiago está a estudar tres posibles vías para o seu aproveitamento. Unha delas é a súa utilización para a formulación de adhesivos, en concreto para a industria madeireira. Nesta liña, a investigadora explica que están a extraer os taninos presentes na casca de castaña, compostos naturais que poderían substituír aos que se están a usar hoxe en día na fabricación de adhesivos. Os adhesivos que se empregan na actualidade na industria madeireira están formulados a base de fenol-formaldehído. Trátase dun composto de orixe petroquímica, de xeito que o seu prezo é máis elevado que no caso dos produtos naturais, segundo explican os investigadores; de aí a importancia de substituílo por outros baseados en materiais renovables, neste caso por taninos. Así mesmo, o formaldehído é un composto tóxico, de maneira que a lexislación está a ser cada vez máis estrita co seu uso, polo que se está a buscar a formulación de adhesivos libres deste tipo de compostos. Os investigadores xa conseguiron no laboratorio adhesivos baseados na súa totalidade en produtos naturais. Aplicaron o adhesivo a taboleiros de partículas e, segundo a coordinadora do proxecto, “superamos a normativa de calidade para uso interior”. Antioxidantes A segunda vía de aproveitamento na que está a traballar o grupo da Universidade de Santiago é na extracción de compostos fenólicos procedentes dos residuos da castaña como fonte de antioxidantes alimentarios. En particular, o obxectivo que se propón o equipo é impedir que se produza a oxidación das graxas contidas en produtos destinados ao consumo humano, como carnes e peixes. Buscan así prolongar a vida útil dos alimentos. En relación a esta aplicación dos residuos da castaña, os investigadores están na fase inicial dos estudos. Tratan de optimizar as condicións de extracción dos compostos fenólicos presentes tanto na casca como no ourizo, e caracterizar os diferentes tipos de compostos responsables da actividade antioxidante. Absorbentes A terceira vía na que está a avanzar o equipo da USC é no emprego directo dos restos do procesado da castaña como absorbentes de compostos contaminantes presentes en augas residuais industriais. Trátase de substituír os produtos que se empregan na actualidade por outros de orixe renovable. Nesta liña, os investigadores xa teñen demostrado no laboratorio a capacidade de absorción da casca de castaña. A profesora Julia González Álvarez afirma que, en xeral, non existen moitos traballos de investigación centrados tanto na casca de castaña como no ourizo. Así, as liñas nas que está a avanzar o grupo representan aproveitamentos novos destes residuos tan abundantes en Galicia. A investigadora resalta que calquera destas vías de aproveitamento dos residuos da castaña nas que está a traballar a Universidade de Santiago pode complementarse co aproveitamento enerxético da biomasa, unha vez extraída a fracción do residuo que interesa.

The contents of this page were updated on 03.28.2011.