Skip to main content

Presentouse na USC o Dicionario de Bioloxía: galego-inglés-castelán

De esquerda a dereita, David Villar, Manuel González, Anxo Lorenzo, Javier Garbayo, Mª Luz González e Jaime Gómez
De esquerda a dereita, David Villar, Manuel González, Anxo Lorenzo, Javier Garbayo, Mª Luz González e Jaime Gómez
Trátase dunha obra impulsada pola Facultade de Bioloxía que contou co apoio da Consellaría de Educación e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Froito dun traballo interdisciplinario entre biólogos e filólogos, acaba de presentarse na Facultade de Bioloxía o Dicionario de Bioloxía: galego-inglés-castelán, idea xurdida neste centro compostelán hai oito anos co fin de deseñar unha ferramenta útil tanto no ensino coma para a investigación e a divulgación da Bioloxía. O acto de presentación contou coa presenza do vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; da decana da Facultade, María Luz González Caamaño; do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro e membro da Real Academia Galega, Manuel González; o catedrático de Bioquímica da USC, Jaime Gómez Márquez; e do co-redactor da obra, o estudante David Villar Este último foi quen abriu a quenda de intervencións para explicar que o volume presentado vén encher un baleiro e solventar unha carencia, “sendo a primeira semente que se irá desenvolvendo ao longo dos anos coa realización de inventarios das especies en Galicia”. Nesta mesma dirección, o catedrático e coordinador do Dicionario Jaime Gómez, promotor da iniciativa, abondou na idea de que o volume representa un punto de partida que debería continuar coa construción dunha terminoloxía centrada nos animais e plantas de Galicia. Gómez Márquez explicou que o carácter trilingüe do volume reflexa a realidade bilingüística de Galicia e a importancia da lingua inglesa como linguaxe científica universal. O Dicionario posúe o valor engadido de fomentar o uso do galego en ámbitos especializados, o que lle confire, en opinión de Manuel González, “un valor simbólico” e de importancia destacada xa que “se conseguimos que o galego sexa a lingua destas especialidades daremos pasos decisivos cara a súa consolidación”. Para o tamén coordinador da obra, “atopámonos ante un proxecto absolutamente solvente e fiable”. Seguindo na quenda de palabras á decana de Bioloxía, quen resaltou a importancia do dicionario como ferramenta profesional, Anxo Lourenzo considera que o libro contribúe ao desenvolvemento terminolóxico do galego ao tempo que se converte nun “ben para o desenvolvemento do prestixio social da nosa lingua”. O secretario xeral de Política Lingüística destacou a colaboración entre especialistas da bioloxía, filólogos e terminólogos que se atopa tras este proxecto editorial, e agradeceu o labor da súa predecesora no cargo, Marisol López, tamén presenta no acto. Xa no remate da presentación, Javier Garbayo puxo o énfase na importancia deste dicionario como exemplo para a comunidade universitaria do traballo interdisciplinario.

A obra é unha iniciativa da Facultade de Bioloxía co apoio da Consellaría de Educación e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades coordinada por Jaime Gómez Márquez, Ana María Viñas e Manuel González. A redacción recaeu en David Villar e Luis Vale, mentres que a revisión lingüística en Víctor Fresco e Mª Liliana Martínez.

The contents of this page were updated on 03.01.2011.