Skip to main content

O Consello Social aproba os orzamentos da USC para 2011

Casa da Concha sede do Consello Social
Casa da Concha sede do Consello Social
Remata deste xeito o proceso para a aprobación definitiva das contas universitarias para este ano

Os orzamentos da USC para 2011 acaban de superar o seu último trámite administrativo coa aprobación polo Consello Social da institución académico. O órgano colexiado que preside Manuel Puga Pereira aprobou as contas universitarias así como o Plan de Sustentabilidade nunha reunión do seu pleno celebrada este martes. Ponse fin ao proceso iniciado no Claustro Universitario que aprobou as Liñas Xerais dos Orzamentos para o presente exercicio e que logo continuou no Consello de Goberno da institución coa aprobación dos orzamentos. Na votación realizada no pleno do Consello Social, os orzamentos obtiveron 19 votos a favor, un en contra e unha abstención. O Pleno, por acordo unánime, quixo facer pública a súa preocupación polo recortes que sufre a Universidade co actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. O Consello Social considera que as contas aprobadas “son os mellores orzamentos posibles dadas as circunstancias actuais e o marco que define o Plan de Financiamento do SUG”, sen esquecer os sacrificios que supoñen para a Universidade. Neste senso, o órgano que preside Manuel Puga apela á administración autonómica para que aposte decididamente pola institución como o “mellor medio” para saír da crise. As contas da USC para 2011 ascenden a 228,8 millóns de euros, o que supón unha diminución do 6,46 por cento con respecto aos do exercicio pasado. A diminución experimentada inclúe a redución asociada ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG) para o presente ano así como a propia situación económica intrínseca da USC dende fai anos. Partindo da idea de que “os recursos económicos obtidos co Plan de Financiamento para o exercicio 2011 non cobren as necesidades existentes”, as prioridades do equipo de goberno pasan pola contención do gasto para afrontar os gastos de persoal e as obrigas financeiras. Plan de Sustentabilidade Xunto aos orzamentos, o Consello tamén aprobou o Plan de Sustentabilidade Financeira da USC para 2011, cumprindo así co establecido no Plan de Financiamento do SUG, documento que cada unha das universidades presentará anualmente perante a Consellaría de Facenda, indicando as medidas e obxectivos a acadar por cada unha delas nos exercicios económicos 2011, 2012 e 2013. O Plan elaborado pola USC fai un percorrido pola súa situación económica actual, detallando a evolución ata a data de hoxe dos ingresos e gastos e do nivel de endebedamento ao tempo que presenta unha memoria explicativa dos problemas detectados. Xunto a isto, presenta tamén unha listaxe de medidas correctoras, tanto en materia de gastos como de ingresos e fai unha análise da evolución da situación financeira da USC para acadar o equilibrio económico. Outros asuntos

Completando a orde do día da xuntanza, o Pleno do Consello Social tamén aprobou tres novos másteres universitarios, a transformación das escolas universitarios de Formación do Profesorado de Lugo e de Enfermaría de Santiago en cadansúa Facultade homónima ou a ratificación e informe dos acordos adoptados na Comisión Mixta Económico-Executiva celebrada o pasado 8 de febreiro, entre outros asuntos.

The contents of this page were updated on 07.22.2022.