Skip to main content

A investigación biosanitaria, os estudantes, a descentralización da docencia e a mellora de infraestruturas marcarán a xestión do decano de Medicina

O novo equipo decanal con integrantes do consello de dirección da USC. Fotos Alfonso
O novo equipo decanal con integrantes do consello de dirección da USC. Fotos Alfonso
Juan Gestal tomou este mércores posesión do seu cargo nun acto protocolario en San Xerome

O catedrático Juan Jesús Gestal Otero tomou posesión este mércores do seu cargo como decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía. O acto protocolario tivo lugar no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, baixo a presidencia do reitor, Juan Casares, e coa presenza do resto do equipo decanal de Medicina, integrado por Víctor Arce, Inma Tomás e José Carreira como vicedecanos e Luís Lima como secretario. Para Gestal Otero, o estudantado “éa nosa razón de ser” polo que “os nosos esforzos estarán sempre dirixidos a mellorar a actividade docente”. Neste senso, e tendo en conta o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, Juan Gestal considera que “non debe demorarse a construción dos novos edificios de Medicina e de Odontoloxía”. Na mesma liña, considera necesario “axustar o número de alumnos ás necesidades reais de médicos en Galicia”. Gestal recordou que dende 2005 o número de alumnos da Facultade de Santiago “ ten aumentado máis do 60 por cento” e considera que “é preciso diminuír, o número prazas de ingreso para poder volver a situalo nos 250 alumnos”. “Non existe carencia de profesionais médicos en España, nin existirá carencia no 2025 pola xubilación dos profesionais máis veteranos”, xustificou a súa proposta o novo decano quen, ademais, lembrou que “España é xa o segundo país do mundo con máis facultades de Medicina por millón de habitantes”, en concreto 0,7, superando as recomendacións da OMS neste senso. “Non faltan médicos, faltan determinados especialistas e en determinados lugares, polo que o Ministerio de Sanidade debe facer un esforzo para aumentar ou modificar a oferta actual de prazas MIR”, engadiu. A descentralización da docencia clínica foi outro dos asuntos abordados polo decano na súa toma de posesión. O actual número de alumnos obriga á descentralización da docencia aproveitando “ todos os recursos sanitarios do Sergas para a formación dos futuros médicos” afirmou o decano ao respecto. Juan Gestal recordou que se está traballando cos equipos directivos dos hospitais de Vigo e da Coruña e cos representantes dos estudantes para, “se non xorden atrancos” iniciar a docencia descentralizada. A Universidade de Santiago ten a competencia da Licenciatura e do Grao-Máster de Medicina “e a responsabilidade histórica de levar a cabo este proceso, de forma coordinada coa Consellaría de Sanidade”, remarcou Gestal. A actividade clínica “é esencial para o proceso de ensinanza-aprendizaxe en medicina”, polo que “temos que aproveitar todos os recursos sanitarios do Sergas para a formación dos futuros médicos, pasando dunha Facultade cun Hospital Clínico e tres centros de saúde a unha Facultade con tres Hospitais Clínicos –CHUS, CHUAC e CHUVI-, os centros de saúde que se precise e catro hospitais” , en referencia aos de Lugo Ourense, Pontevedra e Ferrol para os que demandou a súa acreditación como hospitais universitarios. O decano resaltou a investigación biosanitaria como “un dos piares fundamentais da nosa facultade, a pesar de arrastrar un déficit crónico en infraestruturas”. Así, sinalou que o centro posúe a acreditación do IDIS como Instituto de Investigación Sanitaria do Instituto de Saúde Carlos III, acadado en marzo de 2010, o que converteu á facultade compostelá na sétima de España en acadar este título, “que supón un punto de inflexión na investigación biomédica”. A isto hai que engadirlle a captación de máis de 6,5 millóns de euros en proxectos competitivos nacionais e internacionais, así como a participación en entidades de investigación cooperativa. “Temos moito traballo por diante, promovendo un maior uso da aula virtual, mellorando a acollida de alumnos, renovando equipos , incrementando e promovendo a actividade asistencial e a formación posgraduada en Odontoloxía” concluíu o decano de Medicina. Na súa resposta no acto protocolario, o reitor Juan Casares mostrou o apoio do consello de dirección da USC ao novo equipo decanal ante o “inxente labor” que debe acometer destacando o carácter dunha “facultade que foi quen de adaptarse ás distintas posibilidades e necesidades” xurdidas nos seus case 400 anos de historia. Como noutros eidos, na formación de profesionais da medicina “a dilución das capacidades dilúe moito máis o resultado”, afirmou o reitor respecto das demandas de máis facultades de Medicina en Galicia. Casares aposta pola colaboración ao sinalar que “necesitamos o impulso da cooperación”. “ Somos unha universidade comprometida coas Ciencias da Saúde”, engadiu Casares, que precisa “do apoio daqueles para os que traballamos”, porque “sen el os cidadáns non recibirán a calidade e o servizo que a USC está cen por cen disposta a ofrecer”. A solución e a saída da crise “pasa polo coñecemento e este dáse nas universidades” e estas deben pasar a ser prioritarias para os gobernos, engadiu Juan Casares. Currículo Juan Jesús Gestal Otero (Muros, 1947) é catedrático en Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Posúe experiencia na administración sanitaria como director xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia (1996-1997) e subxefe provincial de Sanidade da Coruña e xefe de Sanidade de Santiago. No que respecta á súa actividade docente, Juan Gestal está vinculado á ensinanza universitaria dende 1970 na área de Medicina Preventiva da USC. Así mesmo, formou e dirixe o equipo de investigación en Epidemioloxía e Saúde Pública da Universidade compostelá e ten recoñecidos catro sexenios de investigación pola Aneca.

The contents of this page were updated on 03.09.2011.