Skip to main content

Enxeñaría Química da USC, acreditada profesionalmente como máster polo Institution of Chemical Engineers

Primeiro plano da acreditación profesional concedida polo IChemE
Primeiro plano da acreditación profesional concedida polo IChemE
Dende este momento, os estudantes que rematen o seus estudos pola USC poderán optar á categoría de Chartered Engineer, título que avala a calidade da preparación dos enxeñeiros

A institución de Enxeñeiros Químicos (IChemE), organismo fundado en 1922 con base no Reino Unido, acaba de acreditar na modalidade de máster (MEng) ao grao de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago. Deste xeito, os estudantes que rematen o seus estudos pola USC poderán optar á categoría de Chartered Engineer, título profesional que avala a calidade da preparación dos enxeñeiros. O grao compostelán é o segundo de toda España que alcanza esta recoñecemento profesional e académico, por detrás de Valladolid. Esta acreditación presentárona en rolda de prensa o reitor da USC Juan Casares, o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Juan Lema, e o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo Costa. O Institution of Chemical Engineers (IChemE) agrupa a preto de 30.000 enxeñeiros químicos de 113 países. Está considerada, xunto con ABET de Estados Unidos, como unha das institucións de maior prestixio, tendo acreditado o BSC ou o Máster en Enxeñaría Química en máis de 60 universidades arredor do mundo. O proceso de acreditación profesional comezou en maio de 2010 cos traballos da comisión que elaborou a documentación. Xa en outubro tivo lugar a visita da comisión de avaliación, que integraban dous representantes universitarios e outro do mundo empresarial. A comisión mantivo diversas xuntanzas con profesores e alumnos ademais de realizar un recoñecemento das instalacións. Finalmente, na súa sesión plenaria do mes de decembro IChemeE acordou a validación que deberá agora revalidarse no ano 2013. Na súa avaliación, o Comité destacou as fortalezas do título e salientou as innovacións (algunhas delas incorporadas ao catálogo de ‘mellores prácticas’ do organismo avaliador), como as excelentes relacións coa industria e a investigación de calidade que se ven reflectidas na docencia, a realización do Asessment center (avaliación de capacidades profesionais), o ensino en inglés, o fomento da docencia por medio dos ‘Premios Leonardo’ e, especialmente, o entusiasmo mostrado por profesores e alumnos. Enxeñaría Química na USC Segundo indicou Juan Lema na presentación da acreditación, o grao en Enxeñaría Química posúe unha máis que destacada demanda, con 337 solicitudes para un total de 60 prazas e unha nota de acceso de 8,19 para os alumnos procedentes do Bacharelato. A maior porcentaxe de matriculados procede da provincia da Coruña (44%) e Pontevedra (36%), seguidas de Ourense (8%) e Lugo (6,5%), así como un 4,5 por cento de alumnos procedentes de fóra da comunidade. No ranking ’50 carreras’ das titulacións máis demandadas en España, Enxeñaría Química da USC figurou por cinco anos consecutivos entre as cinco mellores da especialidade. De feito, seis de cada dez dos seus titulados conseguen un traballo afín cos estudos cursados antes dos tres meses. Segundo datos do centro, os seus graduados acadan salarios nun 10 por cento superiores ao do resto de enxeñeiros e nun 20 por cento ao dos restantes titulados universitarios. No eido da investigación o grao compostelán atópase no sexto posto de todo o país atendendo ao volume de publicacións, segundo o Grupo Scimago e publicado en Universia, e rexistrando un factor de impacto que alcanza o segundo posto de toda España por detrás da Complutense de Madrid. Ademais, no seu proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, o grao de Enxeñaría Química foi dos primeiros da Universidades compostelá en impartir clases en inglés, na actualidade un total de nove materias. Segundo Gumersindo Feijoo, a acreditación non só dará lugar a mellores oportunidades de emprego para os estudantes senón que tamén permitirá que o Departamento estableza vínculos internacionais, favorecendo o intercambio de estudantes con universidades doutros países. De esquerda a dereita: O director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Juan Lema, o reitor da USC, Juan Casares, e o o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo

The contents of this page were updated on 01.26.2011.