Skip to main content

Dez compañías participan no IX Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC

De esquerda a dereita, Pablo Sampedro, Javier Garbayo e Juan Carlos Zahera
De esquerda a dereita, Pablo Sampedro, Javier Garbayo e Juan Carlos Zahera
Os grupos das universidades de Barcelona, Granada, A Coruña e da USC amosarán as súas producións en Santiago entre o 10 e o 12 de abril

A danza tomará a testemuña do teatro a partir do domingo, 10 de abril, na USC. O IX Encontro Universitario de Danza Contemporánea achegará a Santiago os espectáculos de dez grupos das universidades de Barcelona, Granada, A Coruña e Santiago, ademais das compañías Experimentadanza, Nuria Sotelo, Amparo Novas, Cisma e A Carioca, estas últimas xurdidas no espazo de danza da USC. A programación do encontro, que se desenvolverá entre o 10 e o 12 de abril, foi presentada este mércores 6, polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo Montabes, quen resaltou que este ano o certame durará un día máis respecto a edicións anteriores. No acto estiveron tamén o responsable do Espazo de Danza da USC e director do encontro, Juan Carlos Zahera e o director da Área da Cultura, Pablo Sampedro. O certame ten como finalidade favorecer o intercambio cultural a través da danza por medio das distintas propostas coreográficas das universidades participantes. De feito, durante a estadía, os participantes realizarán unha serie de actividades paralelas, que consistirán en talleres e visitas guiadas para coñecer o patrimonio da USC. A bailarina Nuria Sotelo será a encargada de impartir o taller de danza contemporánea, que aportará ferramentas de improvisación a partir de diferentes propostas. Os espectáculos terán lugar na Igrexa da Universidade, a partir das 21:00 horas, coa excepción de ‘Invasión Danza’, cuxo escenario será o carril da Facultade de Dereito. O noveno encontro fará referencia cada un dos días á historia da danza, repasando coas súas creacións o pasado, presente e futuro desta arte. O domingo 10, o pasado virá da man das coreografías de Nuria Sotelo, Amparo Novas, Experimentadanza, e o Espazo de Danza da USC. As dúas primeiras bailarinas pertenceron a Aula de Danza da USC no campus de Lugo e Novas é tamén a creadora de ‘Empatía’, a coreografía que a compañía de danza da USC en Santiago está a representar este ano. O presente traerano, o luns 11 de abril, os grupos das universidades de Granada, Autónoma de Barcelona, A Coruña e Santiago de Compostela presentarán os seus espectáculos na Igrexa da Universidade. O encontro conclúe o martes 12 de abril cunha dobre sesión. A partir das 13:00 horas ‘Invasión Danza’ ocuparán o carril existente entre a Facultade de Dereito e a Biblioteca Concepción Arenal. Os bailaríns amosarán extractos das pezas que se representarán na Igrexa da Universidade e o resultado final do taller de Danza Contemporánea que dirixirá Nuria Sotelo. As coreografías dos Espazos da Danza de Santiago ‘Empatía’; e do de Lugo ‘Próxima estación...’, xunto cos espectáculos das compañías independentes da USC A Carioca e Cisma pecharán o certame ás 21:00, na Igrexa da Universidade. Historia O Espazo de Danza da USC comezou a súa traxectoria da man do seu director, Juan Carlos Zahera, no ano 1997, co proxecto ‘A música en concerto coa imaxe e a danza’, no que se estreou a primeira coreografía de creación propia titulada ‘O Museo’. Dende entón, o Espazo de Danza abriuse á participación de toda comunidade universitaria, para facilitarlles o acceso ao mundo danza contemporánea, independentemente de que tivesen unha maior ou menor formación técnica. Ao longo dos seus catorce ano de traxectoria, producíronse 16 montaxes coreográficas e realizáronse 60 actuacións en festivais, seminarios, mostras e reunións científicas. Ademais, moitas das alumnas do espazo son hoxe bailarinas profesionais de referencia, tanto no ámbito autonómico como no nacional, traballando en compañías como grupo Introdans de Holanda, a Escola Superior de Danza da Lisboa ou o Centro Coreográfico de Galicia.

The contents of this page were updated on 04.06.2011.