Skip to main content

A USC edita a máis ampla guía de termos de dereito penal en galego

Miguel Abel e Xusto Rodríguez instantes antes da presentación
Miguel Abel e Xusto Rodríguez instantes antes da presentación

A Universidade compostelá acaba de editar unha guía de termos esenciais de dereito penal, o traballo lexicográfico máis amplo sobre esta disciplina en galego que existe na actualidade, como puxo de manifesto este martes na presentación do volume un dos seus autores, o responsable da Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, Xusto Rodríguez. A presentación decorreu na sala de profesorado da facultade, á que acudiron docentes e persoal do SNL, e estivo presidida polo decano, Luis Miguez. Mais non só a cantidade de termos abarcados é un dos trazos que caracterizan esta nova publicación senón que ademais, explicou o tamén autor e profesor de dereito penal da USC, Miguel Abel, introduce xa as novas figuras delitousas incorporadas na reforma do código español do 22 de xuño de 2010. O volume toma o Código penal como a fonte principal dos conceptos xurídicos que despois se presentan en versión bilingüe. Para facilitar a consulta diferéncianse dúas partes, unha cun corpus de entradas bilingües numerado e ordenado segundo o nome galego e un índice alfabético de denominacións castelás. Os Termos esenciais de dereito penal –que pode descargarse dende o web do SNL, que á vez incorporou as entradas ao seu buscatermos- dálle continuidade á colección de glosarios especializados que se puxo en marcha a primavera pasada cos Termos esencias de dereito constitucional e que continuarán proximamente con dous novos. A guía enmárcase no Plan para aumentar e mellorar o uso da lingua galega entre o estudantado e o profesorado da Facultade de Dereito. O traballo presentado é unha guía de termos esenciais de dereito penal, o traballo lexicográfico máis amplo sobre esta disciplina en galego que existe na actualidade

The contents of this page were updated on 10.25.2011.