Skip to main content

Comezou en Santiago o IX Congreso da Asociación mundial de químicos teóricos e computacionais

Comezou en Santiago o IX Congreso da Asociación mundial de químicos teóricos e computacionais
Comezou en Santiago o IX Congreso da Asociación mundial de químicos teóricos e computacionais
Trátase da conferencia máis importante do mundo no campo da química computacional, que reúne na cidade a 1.300 congresistas de 62 países

Máis de 1.300 químicos de 62 países danse cita en Santiago dende este domingo e ata o 22 de xullo no IX Congreso mundial da WATOC (World Association of Theoretical and Computacional Chemist), a conferencia máis importante no florecente campo da química teórica e computacional de todas cantas se organizan no mundo. A asistencia a este importante evento científico en Santiago superou todas as expectativas, incrementando nun 60 por cento o número de participantes da pasada edición en Sydney. O congreso inaugurárono este domingo no Auditorio de Galicia o responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, o reitor Juan Casares Long; o alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa; o presidente da WATOC, Leo Radom; e a profesora Mó. Logo da apertura a profesora Anne McCoy, editora dunha das revistas científicas máis importantes na materia, pronunciou unha conferencia. As conferencias plenarias e a clausura terán lugar nese mesmo espazo, mentres que as sesións paralelas se desenvolverán na Facultade de Medicina. WATOC outorga cada ano os dous premios máis prestixiosos en Química Teórica e Computacional do mundo, a Schroedinger Medal e a Dirac Medal, restrinxida a segunda aos investigadores máis brillantes menores de 40 anos. Os gañadores dos anos 2009, 2010 e 2011 ofrecerán conferencias plenarias en Santiago; entre eles a española Leticia González, catedrática da Universidade de Jena (Alemania)) e gañadora da Medalla Dirac en 2011. A partir de outubro esta investigadora, alumna de doutoramento da profesora Mó, pasará a dirixir o Centro de Química Teórica da Universidade de Viena. Temática Os temas a tratar irán desde as últimas novidades nos fundamentos da química teórica e computacional, física e ciencias dos materiais ata a aplicación de modelos teóricos a campos tan diversos como biotecnoloxía, medicamentos e deseño de materiais, nanotecnoloxía, física de materia condensada e enxeñaría química e de materiais.

Presentaranse un total de 1.217 achegas científicas nesta edición de WATOC, que se dividen en 12 conferencias plenarias e 235 convidadas, 130 comunicacións orais e 840 presentacións en forma de póster.

The contents of this page were updated on 07.18.2011.