A divulgación científica confírmase como unha fortaleza do Observatorio Astronómico Ramón María Aller
As actividades que o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela levou a cabo o pasado mes no marco da Semana da Ciencia 2011 contou coa participación de numerosas persoas de todas as idades, o que confirma a divulgación científica como unha das principais liñas de actuación do Observatorio logo da investigación e a docencia universitaria. As actividades contemplaban visitas guiadas con observacións nocturnas e presentacións, un cursiño de iniciación á astronomía, un obradoiro de información e montaxe de telescopios, domingos de astronomía para nenas e nenos con entregas de material didáctico orixinal e o programa de Astronomía Itinerante, un programa co que membros do Observatorio se desprazan a distintos centros de Galicia. Para estas accións contouse coa colaboración do recuperado observatorio do Museo Ramón María Aller de Lalín, onde tiveron lugar varias sesións e da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago na que se desenvolveron xornadas para nenos e nenas e unha observación astronómica pública no exterior do recinto.
Neste ano 2011 o Observatorio da USC foi un dos catro centros galegos que contou con axuda da FECYT no décimo aniversario desta fundación estatal.
Charla sobre astronomía dirixida a nenos e nenas Os máis novos disfrutaron coas actividades organizadas polo Observatorio da USC
