Skip to main content

Docentes e investigadores de quince Universidades españolas debaten na USC sobre as ensinanzas xurídicas

Docentes e investigadores de quince Universidades españolas debaten na USC sobre as ensinanzas xurídicas
Docentes e investigadores de quince Universidades españolas debaten na USC sobre as ensinanzas xurídicas

Corenta e cinco docentes e investigadores de quince Universidades reúnense este xoves e o venres na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago no III Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas e I Simposio Xacobeo ‘Dereito en Bolonia’, que inaugurou o decano do centro, Luis Míguez. Deseguido interveu o profesor de Dereito Penal da Universidade Carlos III de Madrid, Jacobo Dopico Gómez-Aller. Ao longo das dúas xornadas profesores de Dereito das Universidades de Santiago, Autónoma de Barcelona, Burgos, Carlos III de Madrid, Católica San Antonio de Murcia, A Coruña, Lleida, UNED, Pablo de Olavide, Pública de Navarra, Rey Juan Carlos de Madrid, Salamanca, Sevilla, Vigo e do Institut für österreichisches und europäisches Arbeitsrecht und Sozialrecht de Viena compartirán e compararán experiencias, proxectos e ideas sobre as novas metodoloxías no marco do EEES. O encontro contempla este xoves unha táboa redonda sobre as clases interactivas coa participación dos profesores Ángel García Vidal (USC), Juan José Pernas García (A Coruña) e Teresa Velasco Portero (ETEA-Córdoba). En sucesivos obradoiros defenderanse máis de 30 comunicacións organizadas en cinco bloques temáticos: Medios de avaliación, Novas tecnoloxías aplicadas á docencia, Deseño de posgraos, Dereito noutras titulacións e Novas técnicas pedagóxicas aplicadas ao Dereito.

O acto de clausura, este venres ás 13:00 horas, será presidido pola vicerreitora de PDI, Carmen Fernández Morante, e nel farase entrega dos premios ás mellores comunicacións.

The contents of this page were updated on 09.22.2010.