A Facultade de Dereito orienta a estudantes e docentes no comezo do Grao
A Facultade de Dereito da USC organiza este luns e o martes 21 un seminario para orientar academicamente aos estudantes que inician os estudos de grao nesa titulación, o primeiro ano que se imparte na USC. O Seminario de iniciación ao Grao en Dereito, froito dun convenio de colaboración entre a Universidade compostelá e o Ministerio de Educación, busca sobre todo guiar ao estudante nas competencias básicas e contidos mínimos necesarios para cursar e superar con éxito o primeiro curso, ademais de potenciar o sistema titorial como ferramenta imprescindible para a súa orientación personalizada. Pola parte dos docentes, pretende orientalos nunha metodoloxía centrada no traballo e a aprendizaxe do estudante e ofrecer un foro para o intercambio de experiencias. Dirixido polas profesoras Antonia Nieto Alonso e Isabel Lirola Delgado, o encontro comezará na mañá do luns 20 ás 9:30 horas cunha sesión dirixida aos estudantes na que se lles informará acerca das diferenzas entre clases expositivas e interactivas, técnicas para e recursos para mellorar a calidade lingüística e recursos e instrumentos de traballo na USC. Estes relatorios repetiranse pola tarde e o martes para os alumnos de cada unha das quendas, exceptuando unha nova sesión xeral o martes a primeira hora sobre o sistema titorial do Grao en Dereito Docentes A xornada do luns dirixida aos profesores consiste nunha mesa redonda, ás 11:30 horas, sobre a metodoloxía e organización das clases expositivas e interactivas. Xa o martes á mesma hora asistirán a outro debate, nesa ocasión sobre a acción titorial no Grao en Dereito. Este seminario conta coa participación de docentes das Universidades de Santiago, A Coruña, Vigo, Carlos III de Madrid e Barcelona.