Skip to main content

Especialistas europeos analizan en Dereito a situación actual do mercado de traballo en clave legal

Especialistas de Francia, Italia, Portugal e España analizarán na Facultade de Dereito da USC a situación actual do mercado de traballo e de xeito particular nas dificultades asociadas á busca de emprego para determinados colectivos como a xente nova, as mulleres e as persoas con discapacidade. Esta reflexión conxunta desenvolverase ao amparo do Encontro Internacional sobre Dereito do Emprego e Diálogo Social, a celebrar o xoves 28 e o venres 29 na facultade compostelá. Un total de 35 expertos avaliarán ademais as políticas da Unión europea, as dos países aos que representan e das da comunidade autónoma de Galicia en materia de creación e mantemento do emprego ante a situación actual de crise. O programa, deseñado de xeito áxil e práctico, agrupa o conxunto de intervencións previstas arredor dunha serie de bloques temáticos como son acceso á ocupación, a formación e a promoción profesional; novos xacementos, estabilidade e calidade no emprego; e o caso dos traballadores especiais ou vulnerables.

A inauguración destas xornadas celebrarase no Salón de Actos da Facultade de Dereito a partir das 10:00 horas estando prevista a participación do director xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Odilo Rodríguez, o que dará paso ao primeiro dos bloques temáticos previstos sobre o acceso á ocupación, a formación e a promoción profesional. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, será a quenda dos relatorios dedicado á análise de novos xacementos de emprego, estabilidade e calidade.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 10.27.2010.