Skip to main content

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas entrega os premios do concurso de publicidade en galego e de calidade lingüística

Carlos Herrero, vicerreitor de Coordinación de Campus de Lugo entrega o primeiro premio 'comunicándomos' a un spot sobre os malos tratos
Carlos Herrero, vicerreitor de Coordinación de Campus de Lugo entrega o primeiro premio 'comunicándomos' a un spot sobre os malos tratos
O responsable de 'La Nuestra Comunicación Publicitaria', gañadora do Eganet 2008, ofreceu unha conferencia sobre a liberdade de crear

A Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas foi o lugar escollido para entrega dos premios do III Concurso de Publicidade en Galego ‘Comunicándomos’, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística desta mesma facultade. O gañador do certame foi Zósimo López Pena, coa campaña ‘Daishimo’ sobre os malos tratos ás mulleres, que foi premiada con 500 euros e diploma acreditativo. Entregou o premio o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero. O segundo, dotado con 400 euros e diploma, foi para o grupo ‘Lucus Cars’ (formado por Nicolás Blanco Montero e Alberto Seoane Ramil) por un spot sobre automóbiles. O terceiro premio foi para o traballo ‘Déixate levar’, que destacaba a beleza turística da cidade de Lugo e que corresponde á autoría de Borja Guitiérrez Corral, que recibiu 300 euros e un diploma.
O obxectivo deste concurso, que este ano chega á súa terceira edición, é espertar a vea artística e a creatividade dos membros da comunidade universitaria nunha actividade, a creación publicitaria, na que poden deixar bulir as ideas, poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da súa vida e transmitilas en forma de mensaxe publicitaria. Ademais, é importante que o poidan facer integrando o galego de xeito natural nunha estratexia publicitaria, amosando o coñecemento que os universitarios posúen das potencialidades da lingua galega para chegar ao corazón. De feito, o xurado valorou a capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema, a adecuación entre lema, soporte e obxecto de traballo e a globalidade da campaña.
A presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Isabel Neira, animou á comunidade universitaria a participar na vindeira edición dos premios de publicidade correspondente ao curso 2008/2009.
Conferencia de Alejandro VázquezA entrega rematou cunha conferencia a cargo de Alejandro Vázquez, responsable da empresa de publicidade ‘La Nuestra Comunicación Publicitaria’, co título ‘A liberdade de crear’.
Esta empresa foi recoñecida nos premios Eganet 2008, co primeiro premio á mellor publicidade online, pola campaña ‘Xornadas de publicidade Marca Galicia’. Na edición anterior de Eganet 'La Nuestra' xa fora premiada polo traballo "Campaña Publicitaria da Formación Profesional para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria" considerada a mellor campaña de promoción na rede, titulada ‘E logo ti que vas facer?’.
Alejandro Vázquez, ademais de dirixir ‘La Nuestra’ é profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
En edicións anteriores ofreceran relatorios vinculados á publicidade Miguel Conde (en 2007) presidente executivo da compañía publicitaria B.A.P.&Conde, autora da campaña ‘Vivamos como galegos’, para o grupo GADIS; e Pepe Barro (en 2006), deseñador da camiseta da selección galega de fútbol.

The contents of this page were updated on 11.10.2008.