Skip to main content

O equipo da USC gaña a League of Rays 2020

O certame desenvólvese na plataforma virtual Second Life
O certame desenvólvese na plataforma virtual Second Life
Alumnado de terceiro curso de Medicina impúxose nesta competición sobre Radioloxía impulsada dende a Universidade de Málaga. Rebeca Aldaz Martínez, Mariana Cabaleiro Lago, Lucas Calvo Dios e Uriela García Rico foron os vencedores
Santiago de Compostela

O equipo de terceiro curso da Facultade de Medicina integrado por Rebeca Aldaz Martínez, Mariana Cabaleiro Lago, Lucas Calvo Dios e Uriela García Rico, veñen de resultar vencedores na liga de radioloxía 'League of Rays 2020'. Nesta competición impulsada pola Universidade de Málaga, quedaron primeiros nunha listaxe integrada por 28 equipos.

"A comezos de febreiro, dous dos nosos profesores de ATI e Radioloxía I, Miguel Souto e José Carreira, informáronnos da existencia deste concurso que se celebraba por primeira vez a nivel nacional e que está organizado pola Universidade de Málaga", explica o alumnado de Medicina que conforma o equipo gañador Raytatouille. Durante seis semanas, os participantes tiveron que resolver cuestións relacionadas coa Anatomía e Semioloxía Radiolóxica para logo ser avaliados a través dun test individual a cada membro do equipo e outro grupal.

"A mediados de cada semana dispoñíamos dunhas presentacións online na plataforma de realidade virtual Second Life que nos achegaba os coñecementos necesarios para que a comezos da semana seguinte puidésemos afrontar os exames", explican. "En canto aos nosos rivais, debido a que era un concurso online non nos chegamos a coñecer en persoa e soamente intercambiamos algunhas palabras na plataforma. Ata a última semana estivo todo moi axustado, especialmente coas universidades de Estremadura, Navarra e Murcia", afirman 

Aprendizaxe

Esta experiencia non só lles serviu para refrescar algúns conceptos explicados nos cuadrimestres previos e adquirir outros novos, senón que tamén "puidemos comprobar que a formación e a base que nos confiren na USC para esta especialidade é moi boa". "Para todo o grupo supuxo unha experiencia moi grata. En principio sendo conscientes de que participaban universidades de todo o territorio nacional sabiamos que a probabilidade de quedar entre os primeiros postos era escasa", explican con gran emoción. O alumnado subliña que sempre se sentiron abrigados polo profesorado que, "malia non poder axudarnos durante o concurso, seguiron de preto os nosos resultados e tomaron isto tamén como unha oportunidade para aprender".

The contents of this page were updated on 04.14.2020.