Skip to main content

O Premio Zendal recoñece a investigación das bases xenéticas das infeccións pediátricas realizado por profesorado da USC

Imaxe de arquivo de Federico Martinón e Antonio Salas
Imaxe de arquivo de Federico Martinón e Antonio Salas
Federico Martinón-Torres e Antonio Salas forman parte do grupo Genvip do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, o cal se impuxo a outras once candidaturas
Santiago de Compostela

O grupo de investigación Genvip, enfocado ao estudo de enfermidades infecciosas e vacinas situado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), é a candidatura gañadora da primeira edición dos ‘International Zendal Awards’, galardón que recolleron esta mércores na Fundación Barrié de Vigo. O Comité Científico que exerce de xurado seleccionou esta iniciativa, da que forman parte os profesores da USC Federico Martinón-Torres e Antonio Salas, por encima das once restantes, polos avances que realizaron no coñecemento das bases xenéticas das infeccións pediátricas e a súa contribución ao desenvolvemento de estratexias individualizadas de prevención e tratamento.

O equipo de Genvip, que ocupa un posto privilexiado na primeira liña da investigación pediátrica internacional, creou unha unidade de ensaios clínicos de excelencia para vacinas e antiinfecciosos que desenvolveu máis de 70 ensaios desde Fase 1 que incluíron a máis de 2.000 suxeitos. Ademais, é a única unidade de España co recoñecemento Inspire Award en vacinas, alén de colaborar con diversos promotores no deseño de protocolos e programas de desenvolvemento clínico para candidatos a vacinas do tipo neumococo, HPV, meningococo, virus influenza, ou VRS, entre outros.

A iniciativa está liderada polos profesores da USC Federico Martinón-Torres, xefe do Servizo de Pediatría do CHUS, e Antonio Salas, xenetista de prestixio internacional, os cales dirixen un equipo novo e multidisciplinar que dispón de tecnoloxías de última xeración. O grupo investigador forma parte á súa vez da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria Santiago de Compostela (FIDIS), unha entidade con case unha década de traxectoria que contribuíu á tramitación de máis de 35 patentes e á creación de catro spin-offs.

Zendal Awards

O premio, que conta cunha dotación de 5.000 euros, recoñece o traballo daquela institución pública ou privada, que desenvolva o seu labor no campo da saúde tanto humana como animal e que demostrase compromiso no ámbito das vacinas, a biotecnoloxía e a saúde.

The contents of this page were updated on 12.04.2019.