Skip to main content

A comunicación química, clave na supervivencia perinatal do roedor máis grande do mundo

De esquera a dereita, Paula Rodríguez, Mateo Vázquez, José Luis Roi, Pablo Sánchez, Andrea Ferreiro e Irene Ortiz, nas instalacións de Marcelle Natureza
De esquera a dereita, Paula Rodríguez, Mateo Vázquez, José Luis Roi, Pablo Sánchez, Andrea Ferreiro e Irene Ortiz, nas instalacións de Marcelle Natureza
A revista ‘Scientific Reports’, do grupo Nature, recolle nun artigo o estudo realizado polos investigadores da Facultade de Veterinaria da USC Mateo Vázquez Torres e Pablo Sánchez Quinteiro sobre o sistema vomeronasal do capibara, grazas á colaboración de Marcelle Natureza
Lugo

Unha investigación sobre o sistema vomeronasal do capibara realizada polo investigador de doutoramento estradense Mateo Vázquez Torres en colaboración co tamén profesor e investigador do grupo Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC proba o elevado grao de madurez que presenta neste roedor o conxunto de receptores ou neuronas sensitivas situadas nunha bolsa conectada coas fosas nasais e que detectan substancias químicas do ambiente como as feromonas.

O desenvolvemento do sistema vomeronasal antóllase como un dos factores clave que contribúe á supervivencia perinatal do medio do roedor vivinte máis grande do mundo, segundo se constata no artigo científico que asinan estes investigadores do Campus de Lugo na revista ‘Scientific Reports’, unha publicación do grupo Nature, que está considerada como referente nun amplo abano de disciplinas científicas.

A liña de investigación desenvolvida polo veterinario estradense Mateo Vázquez Torres sobre o sistema vomeronasal, o órgano implicado nos procesos de comunicación química e social a través das feromonas, permite dar continuidade ás pescudas xa realizadas en coellos pola súa compañeira do grupo de investigación Morfoloxía Animal da USC Paula Rodríguez Villamayor.

O estudo realizado na Facultade de Veterinaria de Lugo sobre o capibara, unha especie cuxa área de distribución se estende por case toda Suramérica, onde historicamente cazaron este roedor para a obtención de pel e carne, un tipo de vianda magra, de olor forte e boa calidade, xa que presenta escasa graxa e moi baixo contido de colesterol, foi posible grazas a unha colaboración do Parque Marcelle Natureza, que puxo a disposición dos investigadores da USC exemplares de capibaras recén nacidos.

A posibilidade dos investigadores de Veterinaria de contar con estes roedores, que ben poderían considerarse ‘animais exóticos’, xa que non habitan en Europa, a pesar de que existen granxas de cría e mesmo se empregan como mascotas, foi unha realidade grazas a que Marcelle Natureza persegue entre os seus cometidos contribuír a través da investigación á conservación das especies animais.

Obxectivos da investigación

Os dous principais obxecivos do estudo dos capibaras realizado polos investigadores do grupo de Morfoloxía  Animal da USC centráronse en verificar se o Capibara se axusta ao modelo de sistema vomeronasal aceptado en roedores, unha pescuda encamiñada en evitar o risco de extrapolar información de cepas de roedores de laboratorio (a maioría das investigacións xa desenvolvidas ao respecto fixéronse en ratas e ratos, roedores moitas veces sometidos a unha presión xenética grande por mor da domesticación. A segunda da premisa establecida foi a de valorar o grao de desenvolvemento do sistema vomeronasal dos capibaras nos primeiros días de vida deste roedor salvaxe, a fin de coñecer a súa relevancia na súa supervivencia perinatal.

As conclusións das pescudas desenvolvidas por Mateo Vázquez Torres en colaboración co seu director de tese de doutoramento e outros integrantes do grupo de Morfoloxía Animal da USC permiten determinar que o sistema vomeronasal do capibara ten unha “gran madurez” tanto morfolóxica como funcional, un factor que deixa constancia da relevancia deste sistema para a supervivencia nos primeiros días de vida. Asemade, os investigadores apuntan tamén a posible existencia de vencellos xa establecidos entre nai e cría na vida prenatal desta última.

 

The contents of this page were updated on 10.13.2020.