Skip to main content

Unir nun mesmo espazo a alumnado de diversas idades, peza chave para unha aprendizaxe “enriquecida e estimulante”

O equipo de traballo acaba de celebrar a primeira xuntanza en liña. FOTO: Santi Alvite
O equipo de traballo acaba de celebrar a primeira xuntanza en liña. FOTO: Santi Alvite
O grupo de investigación da USC na Facultade de Ciencias da Educación Tecnoeduc explora as posibilidades do ensino multigrao e deseña accións que dean acompañamento aos docentes que atenden este tipo de aulas
Santiago de Compostela

O ensino multigrao agrupa alumnado de distintas idades no mesmo espazo educativo, configurando un escenario de aprendizaxe “altamente enriquecido e estimulante” para alumnado e profesorado. Esta é a premisa sobre a que se asenta a estratexia para a modernización do ensino na que está a traballar o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa (Tecnoeduc) da USC. Xunto co CRA de Rianxo, o Centro Autonómico de Innovación e Formación (CAFI) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), este grupo da Facultade de Ciencias da Educación inicia unha liña de investigación e transferencia educativa conxunta sobre a realidade dos centros e a metodoloxía de ensino multigrao de Galicia, coa que desenvolver proxectos e accións encamiñadas a aumentar a calidade educativa do alumnado que pertencente a este tipo de espazos.

“Actualmente en Galicia existe un número moi elevado de centros educativos públicos que, na súa organización, contan con aulas multigrao, o que representa un número considerable de alumnado que recibe formación nesta tipoloxía de aulas”, explica a profesora e membro de Tecnoeduc, Carmen Fernández Morante. “O deseño de accións que dean acompañento aos  profesionais que atenden estas aulas convértese en esencial”, continúa. A investigación educativa coparticipada por profesionais do ensino e persoal investigador de Ciencias da Educación “será unha estratexia relevante para darlle visibilidade ao coñecemento que atesoran os docentes e a súa revisión e mellora constante, así como para facelo chegar aos futuros docentes galegos”, engaden os investigadores.

Con esta agrupación búscase que, a través do traballo colaborativo entre as entidades, se desenvolvan proxectos e accións encamiñadas a aumentar a calidade educativa do alumnado que está en espazos educativos non graduados, convencidos de que a ensinanza nestas aulas proporciona unha serie de beneficios que non se obteñen en aulas graduadas. “A riqueza das interaccións, a atención á diversidade e as situacións de aprendizaxe entre iguais, son algunhas das súas fortalezas”, explican. Darlle visibilidade ás aulas multigrao así como o seu recoñecemento social e profesional, permitirán, a xuízo do grupo investigador, ir desenvolvendo modelos alternativos de ensinanza activa, colaborativa, educatión dixital e organización escolar.

Primeira xuntanza en liña

O equipo de traballo acaba de celebrar a primeira xuntanza en liña na que se analizou a situación actual das aulas multigrao no sistema educativo galego formulándose diferentes posibilidades de colaboración e de traballo en rede. Segundo apunta Fernández Morante, “trátase dun enfoque pedagóxico con longa tradición nos Centros Rurais Agrupados que hoxe se sitúa como referente ao que mirar para transformar a educación e modernizar o sistema educativo”. Ademais de Fernández Morante, por parte da USC, tomaron parte no encontro virtual Beatriz Cebreiro López, Milagros Trigo Miranda, Lorena Casal Otero e Francisco Mareque, así como os profesores Baltasar Figueiras e Paula Deira do CRA de Rianxo, Maria José Rodríguez Malmierca do CESGA e Diana Pastoriza e Malta Valderrama do CAFI. A presenza da realidade das aulas multigrao e da súa didáctica, a elaboración de proxectos de ámbito europeo ou o deseño de espazos de intercambio de prácticas educativas, foron algunhas das accións que se concretaron neste primeiro encontro.

The contents of this page were updated on 03.10.2021.