Skip to main content

O grupo de Tecnoloxía Educativa da USC participa nun consorcio internacional para o desenvolvemento de competencias STEM en primaria e secundaria

O proxecto traballa no desenvolvemento de competencias STEM e as ferramentas precisas para a súa implementación en ensino Primario e Secundario. Foto: Santi Alvite
O proxecto traballa no desenvolvemento de competencias STEM e as ferramentas precisas para a súa implementación en ensino Primario e Secundario. Foto: Santi Alvite
O proxecto acaba de rematar a súa primeira fase e atópase xa inmerso na fase experimental coa implicación dunha media de 20 escolas, 70 docentes e 350 estudantes por estado
Santiago de Compostela

O grupo de Tecnoloxía Educativa da USC participa nun consorcio internacional de experimentación educativa para proporcionar ao  profesorado e estudantado unha metodoloxía e enfoque pedagóxico adecuadas para o desenvolvemento de competencias STEM e as ferramentas precisas para a súa implementación en ensino Primario e Secundario. O consorcio, formado por doce institucións educativas cunha dotación económica de 2,3 millóns de euros, desenvolverá, aplicará e avaliará o modelo ATS-STEM a través das experiencias piloto deseñadas de acordo a realidade nacional de cada un dos países participantes, España, Irlanda, Bélxica, Chipre, Eslovenia, Finlandia e Suecia.

A participación da USC no proxecto competitivo Erasmus+ KA3 ATS-STEM, a través das profesoras Carmen Fernández de la Iglesia e Carmen Fernández Morante, consiste no liderado da investigación avaliativa das experiencias piloto en todos os países elaborando o protocolo metodolóxico da investigación, desenvolvendo os instrumentos de recollida de datos e coordinando a súa análise. Como explican as investigadoras, pese ás dificultades derivadas da situación de emerxencia sanitaria por mor da incidencia da COVID-19 e as medidas educativas especiais adoptadas neste último ano, o consorcio acaba de rematar a primeira fase do proxecto e atópase xa inmerso na fase experimental.

Na actualidade, o piloto desenvólvese coas adaptacións sanitarias precisas en todos os países participantes, implicando unha media de 20 escolas, 70 docentes e 350 estudantes por estado. O resultado do traballo que se vén realizando dende febreiro de 2019 permitirá elaborar tanto recomendacións en materia educativa a nivel estatal e europeo, como identificar as mellores prácticas.

 

The contents of this page were updated on 03.12.2021.