Skip to main content

SEPA-Interea procura respostas educativas ao cambio climático

Fotograma da curtametraxe premiada
Fotograma da curtametraxe premiada
A curtametraxe titulada ‘O impacto das especies foráneas en Galicia’, creada por alumnado do IES Xelmírez I proclamouse vencedora da primeira edición do certame audiovisual impulsado por investigadores da USC cun traballo que denuncia os perigos que ameazan a biodiversidade galega
Santiago de Compostela

A importancia de impulsar eventos como o primeiro certame de curtametraxes celebrado en Compostela coa intención de obter respostas educativas ao cambio climático, foi subliñada polo reitor Antonio López co gallo da conmemoración dos días internacionais das diversidades cultural (21 de maio) e biolóxica (22 de maio). O reitor salientou a relevancia deste tipo de eventos "no liderado dos procesos de cambios sociais que teñen que abordar as universidades contemporáneas, moi especialmente na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)". A curtametraxe titulada O impacto das especies foráneas en Galicia, creada por alumnas e alumnos do Instituto de Educación Secundaria (IES)  Xelmirez I, resultou gañador entre os trece finalistas que foron avaliados ao longo do concurso. Neste certame, tomaron parte investigadores da USC a través do grupo en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea).  

O traballo premiado concilia a denuncia coa reivindicación dun mellor futuro para Galicia “ante os perigos que ameazan a súa biodiversidade, o equilibrio atmosférico e, mesmo, a vida humana, en parte provocados por unha política de repoboación equivocada, baseada na plantación de  monocultivos de piñeiros e eucaliptos, foco de riscos ambientais como os que se asocian aos incendios forestais que arrasan ao país nas últimas décadas”, sinalou o xurado. Os avaliadores destacaron que esta curtametraxe constitúe “un relato orixinal, comprometido, con sentido e sensibilidade, cientificamente ben documentado e tecnicamente moi ben resolvido”.

O xurado estivo presidido polo catedrático da USC José Antonio Caride e no acto tomaron parte estudantes de oito comunidades autónomas, xunto con outras institucións educativas de Europa, América e África.

The contents of this page were updated on 05.24.2021.