O programa ‘Mapas Divertidos’ achega a cartografía e a intelixencia espacial aos centros de ensino galegos
O Departamento de Xeografía da USC desenvolve o programa de divulgación científico-técnica ‘Mapas Divertidos’, unha iniciativa para o achegamento da cartografía aos centros de ensino, que conta con financiamento do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio técnico da consultora Tecnoloxías e Sistemas de Galicia-Tysgal.
Dirixida polo profesor Carlos Ferrás Sexto, o seu obxectivo é espallar o interese por esta área concreta da xeografía entre as mozas e mozos dos centros educativos de ensino medio de Galicia, alén de potenciar a súa intelixencia e percepción espaciais e favorecer a súa creatividade.
A primeira fase do proxecto céntrase na formación do alumnado a través de actividades presenciais nos propios centros ao longo do presente curso académico. O CPR Plurilingüe SEI San Narciso, en Marín, e o IES Laxeiro, en Lalín, foron os primeiros en participar neste programa que continúa o vindeiro luns, 29 de novembro, no IES Plurilingüe de Ames e que procurará desenvolver accións en centros de cada unha das 53 comarcas galegas.
A segunda fase do proxecto, prevista para comezar na primavera se a dispoñibilidade dos centros así o permite, consiste nunha serie de xornadas de portas abertas na Facultade de Xeografía e Historia da USC que permitirán que o estudantado coñeza os diferentes espazos de traballo existentes na facultade e nas que tamén se realizarán obradoiros prácticos vencellados co mundo dos mapas.
O Consello Social e o Departamento de Xeografía da USC promoven con esta iniciativa a posta en valor e difusión da ciencia xeográfica e da cartografía para o coñecemento social e análise territorial. Salientan que grazas aos mapas podemos planificar e ordenar o territorio, facilitar a mobilidade espacial, planear a loxística, e transmitir todo tipo de información estratéxica de interese económico, medioambiental ou sanitario. Nun contexto social como o actual, no que prima a rapidez informativa e as TIC, o programa ‘Mapas Divertidos’ busca potenciar a intelixencia espacial, a innovación e a creatividade entre a mocidade galega, aguilloando as capacidades intelectuais e técnicas de mozas e mozos para estimular a súa habilidade á hora de interpretar e crear contidos cartográficos.
O programa conta unha páxina web que porá á disposición da cidadanía recursos didácticos, información actualizada das accións desenvolvidas e outros materiais resultado das actividades realizadas nos centros de ensino.