Skip to main content

O VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia da USC en Lugo bota a andar centrado na loita contra o ciberbullying

O VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia da USC en Lugo bota a andar centrado na loita contra o ciberbullying
O VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia da USC en Lugo bota a andar centrado na loita contra o ciberbullying
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a...
Lugo

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial, Pilar García Porto; e a secretaria territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro Castro, inauguraron este luns o VII Campus Científico de Verán XuvenCiencia no que ao longo desta semana 150 alumnos e alumnas preuniversitarios poderán tomar parte en obradoiros e proxectos científico-técnicos nos que coñecer de primeira man a oferta formativa e as liñas de investigación do Campus Terra.

 

No marco do programa deste ano, unha das principais novidades é a actividade ‘Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying’, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en fenómenos coma o ciberbullying ou acoso virtual. Neste obradoiro, aprenderase a combater o ciberbullying coas súas propias armas, a través da construción de pequenos vídeos que permitan facer conscientes ás rapazas e aos rapaces de como se detecta e como se intervén sobre esta nova forma de acoso.

 

 

A colaboración do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC constitúe outra das novidades desta sétima edición de XuvenCiencia. Baixo a coordinación de Martín Santamarina García, o proxecto ‘Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica’ permitirá ao alumnado participante experimentar como traballa un investigador dedicado ao estudo do ADN.

 

Ademais, esta nova edición do Campus Científico de Verán eríxese na máis sustentable de todas as celebradas ata o de agora xa que aspira a reducir de modo substancial os residuos de plásticos grazas á colaboración da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, a cal agasalla ao alumnado participante con cantimploras para que non teñan que facer uso de botellas de plástico.

 

 

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, Finsa, CETAL), e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e creación audiovisual.

 

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitorado titulado da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde e noite para todos os estudantes aloxados.

 

Charla Inaugural

O equipo de debate do IES Becerreá de Lugo formado polos alumnos e alumnas de segundo de Bacharelato Paula Álvarez, Gabriela Rodríguez, Marcos Montaña e Xoel Rodríguez abriron a VII edición do Campus Científico de Verán XuvenCiencia coa actividade ‘Campións de palabras: exercicio de oratoria competitiva’.

 

Este grupo de mozos e mozas, titorizados polo profesor Xulio Teixeiro, explicaron aos 150 participantes nesta edición de XuvenCiencia como se prepara e executa un debate. Tal e como afirma a coordinadora de XuvenCiencia, Mercedes Novo, o campus decidiu apostar este ano por unha iniciativa innovadora na que a tradicional charla inaugural impartida por unha personalidade relevante do mundo da Ciencia, trócase por esta actividade colectiva na que alumnado tamén preuniversitario amosa as súas habilidades para a oratoria. O equipo do IES de Becerreá foi premiado no Torneo de Debate Académico de Galicia da Fundación Barrié.

 

Universidade Junior de Oporto

Todo o alumnado preinscrito no Campus de Verán XuvenCiencia 2019, matriculado ou non, poderá optar de forma gratuíta a unha das cinco prazas patrocinadas por XuvenCiencia na Universidade Júnior do Porto na semana do 22 ao 26 de xullo de 2019. Os interesados en participar, deben cubrir o formulario de inscrición ata o mércores 3 de xullo ás 24:00h. As 5 prazas patrocinadas por XuvenCiencia sortearanse entre as persoas interesadas na tarde do 5 de xullo de 2019, durante a entrega de premios do Campus de Verán XuvenCiencia. Os resultados do sorteo publicaranse na páxina web e tamén contactarase por correo electrónico cos gañadores que non estean no Campus de Verán XuvenCiencia.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.