Skip to main content

A EPS de Enxeñaría ofertará no curso académico 2019-2020 o Grao en Robótica

A EPS de Enxeñaría ofertará no curso académico 2019-2020 o Grao en Robótica
A EPS de Enxeñaría ofertará no curso académico 2019-2020 o Grao en Robótica
O Grao en Robótica completará a oferta docente da EPS de Enxeñaría para o vindeiro ano académico 2019-2020 logo de que a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) emitise a...
Lugo

O Grao en Robótica completará a oferta docente da EPS de Enxeñaría para o vindeiro ano académico 2019-2020 logo de que a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) emitise a súa resolución favorable determinando que o grao cumpre con todos os requisitos establecidos.

 

Esta titulación conforma unha oportunidade única para o estudantado xa que os/as profesionais técnicos en robótica tenden a atopar emprego con facilidade no desenvolvemento dunha robotización altamente especializada dos procesos produtivos no ámbito industrial. Segundo o informe Infoempleo 2016, o grao en Robótica aterra nun sector que require dunha mellor definición: o labor que pode abarcar o profesional da robótica adoita integrarse dentro das tarefas que se lle asignan a un enxeñeiro titulado en informática ou industria, aínda que nunca co grao de especialización que pode ofrecer un titulado formado exclusivamente en robótica. Ademais, o  deseño  deste  título  permite  que con  240  ECTS  cursados,  poda obterse  o grao  sen  intensificación ou mención (Graduado/a en Robótica) ou cunha mención en AgroRobótica. Preme nesta ligazón para consultar o plan de estudos completo do Grao en Robótica.

 

Informe favorable

O informe definitivo co que a Acsug valida a inminente implantación do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría de Lugo produciuse logo da avaliación da proposta do plan de estudos previamente presentada desde a USC. O traballo de supervisión deste título recaeu nunha comisión avaliadora da rama de coñecemento de Enxeñaría e Arquitectura integrada por expertos nacionais e internacionais do ámbito académico, profesional e estudantil e desenvolveuse de xeito colexiado, segundo o protocolo de avaliación para a verificación de títulos universitarios oficiais.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.