O mestrado en Produción de Leite mantén aberta a súa preinscrición ata o vindeiro 12 de xuño
A EPS de Enxeñaría e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) acollerán un ano máis nas súas instalacións a docencia do Mestrado Propio da USC en Produción de Leite, coordinado polo profesor José Manuel Pereira González, e cuxo prazo de preinscrión mantense aberto ata o 12 de xuño a través da súa páxina web.
Este mestrado proponse como resposta formativa a unha demanda de especialización das explotacións gandeiras e xorde nun contexto de colaboración entre a Universidade e a Xunta de Galicia a través do INGACAL-CIAM e o LIGAL, xunto a participación de profesionais de empresas e entidades punteiras que permite mellorar o aproveitamento dos recursos tanto humanos coma materiais e crear sinerxías.
Para acceder ao máster é preciso estar en posesión dunha titulación universitaria (grao, máster, licenciatura ou diplomatura), preferentemente relacionada co sector agrogandeiro, ou ben ser estudante preto de rematar a titulación, sempre que só falte cursar un máximo de 30 créditos ECTS para obter a titulación requirida. Porén, para obter o título de máster será imprescindible acreditar a titulación de acceso antes de rematar o curso.
A formación ten carácter presencial, cun enfoque fundamentalmente práctico e aplicado que aborda os aspectos fundamentais dende o punto de vista da produción. Os contidos están agrupados en 6 módulos nos cales se tratan aspectos de sanidade animal, reprodución e xenética, calidade do leite, benestar animal e instalacións, produción de forraxes, alimentación, economía e xestión.
Saídas profesionais
Os titulados co Máster en Produción de Leite poderán cubrir a demanda de expertos en servizos técnicos especializados e de asesoría que demandan as explotacións gandeiras, as cooperativas agrarias, industrias, institucións e empresas de servizos. As saídas profesionais do máster son diversas en aspectos como asesoría en alimentación, formulación de racións, xenética, sanidade, programas de mellora da calidade do leite, control e funcionamento da máquina de muxido, benestar animal, produción de forraxes ou xestión técnica e económica das explotacións.
O máster é unha ferramenta de formación continua e reciclaxe profesional para aqueles que xa veñen desenvolvendo o seu traballo no sector. A actualización de coñecementos e a posta en común con profesionais de diferentes ámbitos (universidade, centros de investigación, LIGAL, cooperativas, empresas) permite crear sinerxías e potenciar o coñecemento, imprescindible para o sector.