A sanidade forestal na globalización, a debate nos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes
A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC BioReDes impulsa este venres 3 de maio, a partir das 13.00h, no edificio Cactus de Lugo, unha nova edición dos seus ‘Xantares Biocientíficos’ coa intención de abordar a sanidade forestal na globalización a través dun relatorio a cargo da doutora María Josefa Lombardero Díaz, investigadora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS).
O sector forestal galego xoga un papel fundamental na economía de Galicia e do resto de España xa que nesta comunidade autónoma prodúcese practicamente a metade da madeira do Estado. Pero ademais destes beneficios económicos, os montes galegos prestan tamén servizos ecosistémicos e sociais de gran importancia para moitos sectores da poboación. Con todo, nos últimos anos os propietarios, xestores e investigadores estanse enfrontando a uns desafíos sen precedentes no ámbito da sanidade forestal debido ao rápido incremento de pragas e enfermidades que comprometen o bo funcionamento dos montes e das que non se ten experiencia previa.
Moitas destas pragas e enfermidades son introducidas, pero outras eríxense en especies nativas que empezan a comportarse como pragas aínda que antes non o eran. As causas fundamentais deste problema radican en tres piares que deben ser analizados polo miúdo: os cambios que se están a producir no clima, no uso da terra e na distribución global de organismos.
Tralo relatorio, os e as asistentes poderán degustar uns petiscos que se agarda sirvan para favorecer a conversa e o intercambio de ideas en torno a esta cuestión de tan relevante actualidade. A entrada é aberta e de balde ata completar aforo.