Os Encontros de Lúa Chea abordan o mércores 24 de abril os bancos de tempo
A cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo acolle o vindeiro mércores 24 de abril, a partir das 20.00h, unha nova edición dos ‘Encontros de Lúa Chea’ nos que baixo o título ‘Os bancos de tempo: cando a riqueza non depende do diñeiro’, abordarase esta iniciativa comunitaria de troco de servizos, que toma o tempo, e non o diñeiro, como unidade de intercambio.
Desde xeito, cando unha persoa dedica, por exemplo, unha hora a facer un traballo para outra persoa, a cambio, a persoa que demanda o servizo pode pagalo facendo algo que a outra persoa precise durante esa mesma cantidade de tempo. Xosé Martínez Gomez e Lucía Medina Navarro, membros do Banco de Tempo de Lugo, serán os encargados de situar a temática do encontro.
Os Encontros de Lúa Chea, charlas informais organizadas para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria e impulsados por ‘Proxéctate en Galego’, queren dar a coñecer experiencias coma estas, que ofrecen espazos para relacións económicas alternativas e axudan a tecer redes de axuda mutua e a reforzar os vínculos entre os membros dunha comunidade. O acceso é libre ata completar aforo e servirase vaso e petisco de balde.