Cora Velasco actúa este xoves 11 de abril ás 21.00h na Casa do Saber
A Casa do Saber acolle este xoves 11 de abril, a partir das 21.00h, no marco do ‘Lubicán Íntimo’, impulsado ao abeiro do convenio Lugo Cultural asinado por USC, Concello e Deputación de Lugo, a actuación da pontevedresa Cora Velasco quen presentará o seu último traballo Sortilegios.
Despois de catro anos de carreira, máis de 200 concertos, tanto en Galicia como fóra das súas fronteiras, dúas xiras por 10 países de Europa e 3 traballos editados, Cora reaparece con Sortilegios, o seu traballo máis persoal e candidato a protagonizar a consolidación da súa transición de promesa a unha verdadeira realidade. Sortilegios consta dunha versión e sete cancións propias, todas compostas, fóra dunha, en 2018. O ritual, o teatro, a natureza, o rexeitamento, a transformación e o renacer conforman os temas principais do disco.