Skip to main content

O guitarrista Javier García Verdugo actúa este luns ás 20.00h na Casa do Saber

O guitarrista Javier García Verdugo actúa este luns ás 20.00h na Casa do Saber
O guitarrista Javier García Verdugo actúa este luns ás 20.00h na Casa do Saber
A Casa do Saber acolle este luns, a partir das 20.00h, no marco do ciclo ‘Músicas a carón da mosqueira’, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural asinado por USC, Concello e Deputación de Lugo,...
Lugo

A Casa do Saber acolle este luns, a partir das 20.00h, no marco do ciclo ‘Músicas a carón da mosqueira’, financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural asinado por USC, Concello e Deputación de Lugo, un concerto de guitarra clásica a cargo do intérprete Javier García Verdugo. A entrada é de balde ata completar aforo.

 

Despois de gañar máis dunha decena de premios en certames nacionais e internacionais de guitarra, Javier é presentado como unha das figuras máis prometedoras do panorama guitarrístico actual. Destacan o premio de Juventudes Musicales de España (2015), o primeiro  premio no Concurso Internacional de Guitarra Gredos de San Diego (2015) e o primeiro premio do Concurso Internacional de Guitarra da Habana (2018).

 

Javier recibiu clases de grandes mestres da guitarra  entre os que destacan Leo Brouwer, David Russell, Hopkinson Smith, CarlesTrepat, Roberto Aussel, Eduardo Fernández, Zoran Dukic, Carlo Marchione, Roland Dyens ou José Miguel Moreno. En 2015 finaliza os estudos superiores de interpretación musical no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, xunto aos profesores Gerardo Arriaga e Tomás Campos, obtendo o Premio Extraordinario de Fin de Grao. No curso 2014-2015 trasládase a Weimar, Alemaña, para estudar na Hochschule für Musik Franz Liszt xunto a Ricardo Gallén. Actualmente realiza o Máster de Interpretación Musical na Universität Mozarteum de Salzburgo, Austria, na cátedra de Eliot Fisk. Igualmente, realizou cursos de música antiga, baixo continuo e tiorba, así como cursos de blues, jazz, flamenco e improvisación moderna.

 

 

O seu último traballo discográfico, Impresiones foi nomeado Disco Melómano de Oro pola revista de música clásica Melómano. En marzo de 2015 presentou o seu primeiro traballo discográfico, Desideratum, que se presentou en RNE, e recibiu unha boa acollida por parte da prensa especializada. En xaneiro de 2018 gravou o seu terceiro disco que proximamente verá a luz. Ademais, realizou numerosas gravacións para radio e televisión, entre as que destacan o programa Musical Cities de Telecinco, unha homenaxe ao guitarrista Paco de Lucía para Castilla-La Mancha TV e unha produción para RTVE en colaboración con Sony.

 

As súas  actuacións abarcan gran parte da xeografía española e outros países, destacando o Teatro Nacional da Habana en Cuba, Zeneakademia Ferenc Liszt de Budapest en Hungría, Liszthaus Konzertsaal de Weimar en Alemaña e Mozarteum Solitarsaal de Salzburgo en Austria, entre outras. Como solista de orquestra actuou xunto a directores como Albert Gonzálvez Cardós, Antonio Navarro Borsi ou Mariano Domingo. Na vertente da música de cámara, Javier toca regularmente en grupos de cámara, entre os que destacan o dúo Primo Tempo xunto o clarinetista Carlos Orobón e o dúo coa soprano Natalia Labourdette.

 

Javier toca unha guitarra de Paulino Bernabé, está patrocinado pola Spanish Guitar Foundation e é representado pola axencia BIAM Artists.

 

 

 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.