Métodos acústicos aplicados ao sector forestal, a debate na EPS de Enxeñaría
A profesora da Universidade Estatal de Campinas en São Paulo (Brasil), Raquel Gonçalves, imparte este mércores, a partir das 10.00h, na aula PEMADE da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, unha conferencia sobre os métodos acústicos aplicados ao sector forestal e a inferencia de propiedades acústicas da madeira, no marco das actividades impulsadas pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes.
Nos últimos anos, desenvolvéronse distintas investigacións co obxectivo de anticipar as propiedades da madeira e aproveitar mellor o material. Neste senso, as técnicas de propagación de ondas poden ser utilizadas en árbores para a inferencia das propiedades mecánicas do produto final da madeira, cuestión de gran importancia para o sector forestal e posta de valor do material.
Raquel Gonçalves é experta en utilización de ultrasons para a avaliación de materiais de construción civil e árbores. Doutora en Enxeñaría Civil (Enxeñaría de Estruturas) pola Escola de Enxeñaría de San Carlos, Gonçalves conta cun postdoutorado na Universidade Laval en Québec, Canadá. Actualmente, é investigadora, especialmente con proxectos orientados á caracterización, clasificación e inspección de estruturas de madeira e de árbores por medio de métodos non destrutivos e con estudos sobre Biomecánica de árbores.