A EPS de Enxeñaría reivindica a figura dos e das enxeñeiras forestais no Día Internacional dos Bosques
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría celebrou este xoves 21 de marzo o Día Internacional dos Bosques cunha xornada ateigada de actos conmemorativos que se abriu cunha conferencia a cargo de José Antonio Vega, ex director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, quen demandou un cambio de estratexia para acometer os incendios do cambio climático.
Trala lectura dun manifesto no que se subliñou como “cerca do 78% dos bosques primarios xa foron destruídos e segundo a Organización das Nacións Unidas o planeta perde anualmente 14 millóns de hectáreas”, alumnos e alumnas do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio natural, así como do mestrado en Enxeñaría de Montes, plantaron unha árbore nas inmediacións do centro como símbolo da necesidade deste tipo de profesionais para preservar a supervivencia dos bosques.
A sala de xuntas tamén acolleu un seminario sobre modelización matemática e simulación numérica da temperatura e a humidade no dosel arbóreo, impartida polo profesor da Universidade de Guadalajara Carlos E. Villarreal.