A Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, premio ‘Entre Mulleres 2019’
O Concello de Lugo vén de galardoar á Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC co premio ‘Entre Mulleres 2019’ polo seu traballo a favor dos dereitos das mulleres e favorecer a incorporación das rapazas aos estudos universitarios de enxeñaría.
A subdirectora da EPSE Rosa Romero recibiu este recoñecemento, en nome da Comisión, de mans da alcaldesa Lara Méndez e agradeceu na súa intervención o premio outorgado ao tempo que fixo unha reflexión sobre a necesidade de seguir a traballar para promover a igualdade entre homes e mulleres.
A Comisión de Igualdade de Xénero da EPSE, un órgano integrado por 12 profesoras e profesores do centro, así como por representantes do alumnado e do persoal de administración e servizos comezou a súa andaina en 2017 baixo a presidencia da profesora Dolores Fernández Rodríguez.
Alén da promoción da figura e dos cometidos da muller nos diferentes ámbitos da enxeñaría, a Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo tamén contempla entre as súas competencias o desenvolvemento de accións de sensibilización e concienciación á comunidade universitaria do centro en materia de igualdade, xénero, diversidade afectiva-sexual e non discriminación.