Skip to main content

Asemblea de Traballadoras da USC - Manifesto 8M

Asemblea de Traballadoras da USC - Manifesto 8M
Asemblea de Traballadoras da USC - Manifesto 8M
Asemblea de mulleres traballadoras da USC. Se nós paramos, a USC para!        
Con este manifesto a Asemblea de mulleres traballadoras da USC quere estar...
Lugo

Asemblea de mulleres traballadoras da USC. Se nós paramos, a USC para!        

Con este manifesto a Asemblea de mulleres traballadoras da USC quere estar presente, por segundo ano consecutivo, na folga do 8 de marzo para apoiar calquera loita a prol da igualdade de xénero e xustiza social no planeta

Como xa manifestamos o ano pasado temos moitas razóns para parar.

A USC para coa folga feminista porque somos maioría. Somos o 62,6% do alumnado. Somos o 56,5% do persoal de administración e servizos. Somos o 42,5% do persoal docente e investigador. Se as mulleres paramos, para a USC.

A USC para porque formamos parte do movemento global de mulleres que está a protagonizar a folga do 8 de marzo. Esta folga serviu como catalizador para reactivarnos novamente, organizarnos en asemblea e responder ao pulso da mobilización feminista de base e para formar parte da revolución deste século.

A USC para porque as mulleres que traballamos nela sufrimos o mesmo machismo que no resto dos sectores laborais e sociais :

  1. Teito de cristal ou segregación vertical. Só somos un 23,3% de catedráticas, un 48,2% na máxima categoría do persoal de administración e servizos e un 30,8% de coordinadoras de grupos de investigación.
  2. Segregación horizontal. Seguimos a estar masivamente nas especialidades tradicionalmente femininas e as que máis se relacionan co coidado.
  3. Representación política. A pesar dos avances dos últimos anos, a participación nos órganos de representación segue a ser menor que a presenza real na universidade en todos os sectores.
  4. Corresponsabilidade e coidados. A ausencia de conciliación real prexudica máis ás mulleres, que presentan peores datos en relación a factores psicosociais do entorno laboral e máis paróns e retardos na carreira académica e profesional. Cremos que a corresponsabilidade e a flexibilidade non debe ser un asunto de boa vontade, senón que a universidade debe asumir como estratéxico un cambio de horarios e organización do traballo para facer da conciliación e da corresponsabilidade un feito e non só un dereito.
  5. Acoso sexual e laboral. A persistencia de conductas machistas como son o acoso sexual e laboral na nosa universidade fai imprescindible a reivindicación dunha práctica institucional que sexa implacable co acoso e os acosadores, para erradicar dunha vez o terrorismo da violencia de xénero. Queremos sentirnos seguras e libres nas aulas, nos centros de traballo e nos campus.
  6. Coñecemento parcial. A perspectiva de xénero segue sen estar introducida na produción do coñecemento e na formación do estudantado. É por iso que xeramos un coñecemento e unha transmisión do saber que segue a reproducir os nesgos de xénero.
  7. Imaxe e  a  comunicación institucional con  perspectiva de  xénero.  Cómpre visibilizar as contribucións das mulleres nos labores de docencia e investigación. Até o de agora, a USC só recoñeceu coa distinción Honoris Causa a unha única muller.
  8. Atención á saúde feminina. As mulleres somos diagnosticadas de trastornos de ansiedade e psicosomáticos moito máis á lixeira ca os homes e, moitas veces, sometidas a tratamento sen facernos as probas diagnósticas oportunas. Cómpre dotar de medios humanos e materiais ao servizo de saúde da USC para que poida atender as nosas doenzas en tempo e forma.

A USC para porque antes que traballadoras da universidade somos mulleres. Como mulleres, e mulleres diversas, non queremos que haxa nin unha menos; reivindicamos o valor do traballo de coidado; denunciamos que os nosos corpos seguen a ser mercantilizados; apelamos a nosa liberdade de ser nais ou de non selo e declarámonos insubmisas ao sistema patriarcal.

A USC para ademais este ano para defendernos dos ataques continuos que se están a levar a cabo desde posicións políticas conservadoras contra os dereitos fundamentais das mulleres, como son os dereitos reprodutivos ou o dereito a vivir unha vida libre de violencia patriarcal. Os nosos dereitos non se tocan, nin un paso atrás.

SEN NÓS O MUNDO PARA, CON NÓS O MUNDO VAI PARA ADIANTE.

Asemblea de mulleres traballadoras da USC 

Compostela / Lugo, 28 de febreiro de 2019

 

 

The contents of this page were updated on 02.25.2022.